Noticias

O "DepoDesafío" 2019 chega a Cuntis na súa penúltima parada cun trail de 16 quilómetros

Preto de 200 deportistas participarán nunha proba que levará ás e aos participantes a alcanzar cimas de montes con espectaculares vistas


05 setembro 2019
DepoDesafío

Cuntis acollerá este domingo 8 de setembro, a partir 10:30 h, a cuarta e penúltima proba do "DepoDesafío" 2019, organizado pola Deputación de Pontevedra, un trail de aproximadamente 16 quilómetros no que participarán preto de 200 deportistas. Despois da proba ciclista BTT das Neves, da travesía a nado de Poio e da carreira nocturna de Vilagarcía de Arousa, o "DepoDesafío" regresa tras o parón de agosto con este trail no que as e os participantes deberán calzar as zapatillas de trekking e estar preparados para subidas e baixadas continuas, xa que o percorrido terá un desnivel positivo acumulado de 775,4 metros.

Tanto o punto de saída como o de chegada estará situado na praza da Constitución de Cuntis. Ás 10:30h será a saída sénior e ás 11:00 h terá lugar a proba infantil, para nenas e nenos de entre 10 e 16 anos. A proba infantil terá dúas distancias, unha de un quilómetro e outra de dous.

Tras as tres primeiras probas, e a falta da proba de Cuntis e do tríatlon de Vigo, a clasificación xeral está liderada por Iria Campos e Alexandre Rodríguez. A gañadora e o gañador final da clasificación do circuíto da institución provincial, para a que teñen que ter participado en 4 das 5 probas, recibirán como premio o dorsal para competir na Maratón de Berlín, con desprazamento e aloxamento incluídos.

O "DepoDesafío", que este ano chega a súa segunda edición, é unha das actividades postas en marcha pola institución provincial para popularizar este tipo de probas deportivas á vez que se promove o destino turístico, razón pola que as probas se distribúan ao longo do territorio pontevedrés e, do mesmo xeito, concienciar á poboación da urxencia de practicar deporte no medio natural dun xeito respectuoso, sustentable e responsable.