Noticias

O deporte provincial de máis alto nivel, protagonista dunha gala na que o talento, a música e as emocións ocuparon un lugar destacado

"Sodes heroínas e heroes. Sodes un exemplo e queremos, con este acto, rendervos unha homenaxe de parte de toda a provincia", asegurou Carmela Silva


12 setembro 2019
Gala deporte élite e promesas

A escalinata exterior do Pazo da Deputación foi esta tarde escenario da primeira Gala do Deporte de Elite que impulsou a institución provincial para lles render homenaxe as figuras dos e das deportistas de alto nivel e promesas do deporte e recoñecelas: "sodes heroínas e heroes. Sodes un exemplo e queremos, con este acto, rendervos unha homenaxe de parte de toda a provincia, unha homenaxe a vós e ás vosas familias, polo seu compromiso, por non se renderen nunca", manifestou Carmela Silva.

A presidenta da Deputación, acompañada das deputadas e dos deputados provinciais e de alcaldesas, alcaldes, concelleiras e concelleiros, da man da condutora e do condutor do acto, Terio Carrera e Begoña Fernández, e co acompañamento musical de Two in the Mirror e a actuación das e dos ximnastas rítmicos de Treboada, participou activamente nun emotivo acto no que se lles rendeu homenaxe a máis de 112 deportistas que acadaron a categoría DepoDan e a máis de 71 DepoPromesas, que reciben, deste xeito, apoio da institución provincial para participaren en competicións deportivas. "Os vosos éxitos son os éxitos deste territorio. Vivimos no paraíso e vós sodes o mellor deste paraíso", asegurou Silva.

Como presidenta, pero sobre todo como nai dun deportista de alto nivel, Carmela Silva falou da capacidade das persoas deportistas para xestionar o éxito e os fracasos e apostar por unha forma de vivir e relacionarse co mundo. "Son nai dun deportista de elite e teño vivido en primeira persoa bágoas, temor a non conseguir os obxectivos. Teño vivido fracasos e éxitos; renuncias do meu fillo a saír coas súas amigas e amigos, a non comer o que lle apetece. Téñoo visto chorar cando se lesionaba e estaba no momento máis importante da súa carreira e ter que volver comezar de novo…".

A presidenta provincial fixo fincapé tamén na importancia do escenario escollido para a homenaxe: o espazo público, "o espazo que é da xente e onde está a xente. Queriamos estar na rúa para que todas e todos vos escoitaran, xa que nesta Administración facemos todo o que podemos para apoiar o deporte, porque é a nosa obriga e o voso dereito".

Na Gala do Deporte de Elite atopábanse, entre outras personalidades, deportistas como Pablo Graña, Jenifer Casal, Támara Echegoyen, Solange Pereira, Nico Rodríguez, Martín Wizner, José Antonio Saavedra, Pablo Dapena, Susana Alonso, Raquel Meaños, Rodrigo Conde, Carla Frieiro, Antonio Serrat, Pedro Ameneiro e Paloma e Paula González Esteban. Unha boa parte deles e delas tiveron a oportunidade de compartir as súas experiencias e vivencias. As e os piragüistas Rodrigo Germade, Teresa Portela, Antia Jácome, Sergio Vallejo ou Adrián Siero non puideron estar presentes no acto por compromisos deportivos, en concreto por estaren participando no test olímpico.

Ademais, no transcurso da gala tamén participaron iconas do deporte pontevedrés como Carlos Pérez (atleta nas olimpíadas de México 1968) e Franco e José Luis Cobas (remeiros en México 1968), así como Álvaro Pino e Cristina Fernández. Tanto o exciclista, gañador da Vuelta Ciclista a España en 1986, como a exárbitra internacional relataron experiencias da súa traxectoria deportiva e remarcaron a importancia do esforzo, do sacrificio e do traballo que hai detrás dos éxitos, un esforzo "extra" para as mulleres, tal e como relatou Cristina Fernández, quen asegurou que "hai que loitar moito para chegar, pero tamén seguir loitando para manterse".

O acto rematou no interior do Pazo cun ágape para celebrar o talento do deporte de elite da provincia e poñer en valor a proxección dos novos valores deportivos da provincia de Pontevedra.

Galería de imaxes

Fotos