Noticias

O deputado Santos Héctor subliña "o compromiso co territorio" na inauguración da Cooperativa O Rodo en Rodeiro

Leváronse a cabo melloras de acceso e adecuación da parcela, así como reformas no subministro de auga, de electricidade e na nave agrícola


10 agosto 2018

Os deputados Santos Héctor e Javier Dios asistiron esta mañá á inauguración da cooperativa O Rodo, en Rodeiro, cuxas actuacións para a mellora das súas instalacións foron financiadas pola Deputación de Pontevedra. De feito, o Goberno provincial investiu, en tres anualidades, un total de 61.619,46 euros. Así, no ano 2016 destináronse 20.580 euros, no 2017 achegáronse 16.874 euros e, no exercicio de 2018, un total de 24.165,46 euros.

Nestas obras, que se levaron a cabo en tres anos, acometéronse actuacións previas para a adecuación da parcela, fixéronse reformas na tenda agraria, mellorouse o subministro de auga e electricidade e reformouse a nave. Tal e como puideron comprobar hoxe os deputados, estas actuacións de mellora do almacén agrícola e dos accesos ao entorno tamén incluíron un novo equipamento para a cooperativa e a inauguración dunha gasolineira.

Esta actuación cumpre co compromiso adquirido polo Goberno de Carmela Silva con sectores produtivos como a agro-gandería e a pesca, considerados como eixos estratéxicos do desenvolvemento das vilas costeiras e dos pobos do rural da provincia. Por iso, a Deputación aprobou este ano axudas a 14 cooperativas pontevedresas por valor de 200.000 euros, incrementando en 50.000 euros o presuposto adxudicado no 2017 para este fin. Con estas actuacións, dentro das que se contempla a cooperativa O Rodo, a institución provincial financia o investimento de obras, merca de maquinaria agrícola, adquisición de fincas e uso de novas tecnoloxías, entre outras.

Ademais, a Deputación de Pontevedra destinou só á área de Medio Ambiente do concello de Rodeiro 64.619,46 euros no que vai de lexislatura.

Máis de 2,6 millóns de euros da Deputación en investimentos no Concello

No que vai de lexislatura, o Goberno provincial destinou a Rodeir0 máis de 2,6 millóns de euros entre todas as áreas de Goberno. O Servizo de Cooperación foi o que destinou a maior partida orzamentaria con máis de 2,3 millóns de euros. Aí inclúense as achegas destinadas para o Plan Concellos, así como outras partidas distintas para a reparación de instalacións deportivas e espazos públicos, mellora de camiños e outras actuacións.

Ademais, a área de Cohesión Social e Xuventude achegou a Rodeiro un total de 122.825,63 euros. Trátase de partidas para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia domiciliaria. Así mesmo, dentro deste eido houbo axudas para distintos programas provincias, como Tecendo Lazos e Depo Aventura A Lanzada.

En canto á área de Deportes, Rodeiro recibiu 734 euros, que comprenden achegas para o deporte federado, para a Copa de Fútbol da Deputación e para as Depo Escolas.

Na área de Igualdade, Rodeiro beneficiouse de achegas da Deputación por valor de 7.416,85 euros para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, así como para a formación das mulleres da vila no marco do programa "Conectadas". Neste eido tamén se impulsou o proxecto "Sorrisos Transformadores".

En materia de Emprego, Rodeiro contou con máis de 17.400 euros a través das distintas edicións do Plan de Práctica Laboral en concellos impulsado pola institución provincial.

Rodeiro tamén recibiu, nestes tres anos de Goberno provincial, máis de 15.600 euros no Servizo de Cultura. Trátase de subvencións para as actuacións Pontegal e outras actividades temáticas.

Desde Medio Ambiente, destináronse a Rodeiro 64.619,46 euros para o mantemento dos campos de fútbol e para a mellora das instalacións da cooperativa O Rodo.

O Goberno provincial tamén achegou máis de 3.700 euros ao concello de Rodeiro en materia de Novas Tecnoloxías para o servizo da Administración electrónica e para SmartPeme.

Máis de 52.500 euros achegaron nestes anos ao concello de Rodeiro a través da área de Mobilidade. As partidas destináronse a traballos de sinalización e pintado e a roces e limpezas de estradas.