O director do Museo intervén nun curso sobre conservación de arte rupestre da Universidad Internacional Menéndez Pelayo e ICOMOS

José Manuel Rey fala hoxe en Huesca da ‘Xestión integrada dos gravados rupestres ao aire libre: experiencias inspiradoras en Europa’

21/09/2022

José Manuel Rey

O director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, participa hoxe na primeira xornada do curso ‘Documentación e conservación da arte rupestre: artes prehistóricas e perspectivas presentes’, organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo e o comité español de ICOMOS en Huesca.

A intervención do director do Museo leva por título ‘A xestión integrada dos gravados rupestres ao aire libre: experiencias inspiradoras en Europa’. Nela exporá como a preservación e socialización dos gravados rupestres ao aire libre é un dos grandes desafíos aos que se enfrontan os profesionais da arqueoloxía e a museoloxía. Rey aposta pola adopción de modelos de xestión integrada que aglutinen saberes, habilidades e competencias procedentes de diferentes disciplinas para garantir unha xestión eficiente e sostible.

Como parte da súa exposición, o responsable do museo provincial dará conta das principais experiencias de éxito desenvolvidas en Europa e como estes se basean, en maior ou menos medida, na adopción dunha visión multifocal. Esta permite asegurar unha preservación da colección rupestre e, ao mesmo tempo, socializar o seu goce e satisfacer o acceso da cidadanía nas mellores condicións posibles.

O Museo de Pontevedra está a consolidarse como un lugar de referencia dentro da Arte Rupestre. Dende hai dous anos forma parte do Itinerario Cultural do Consello de Europa ‘Camiños de Arte Rupestre Prehistórica’ (CARP), a maior rede internacional para a cooperación en torno á arte dos primeiros humanos europeos, que reúne nestes momentos máis de 150 dos principais destinos de arte rupestre abertos ao público.

Galerias de imaxes