Noticias

O dúo musical Oradaladou encherá Soutomaior da man da Deputación para homenaxear a Antón Fraguas

O concerto será este domingo 17 de novembro, ás 18 horas, no Auditorio Multiusos de Arcade e componse de 13 pezas baseadas en cantigas recollidas polo autor de Cotobade


16 novembro 2019
Dúo Oradaladou

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 17 de novembro, ás 18.00 horas, un concerto do dueto Oradaladou, conformado por Sonsoles Penadique (acordeón diatónico e voz) e Carlos Quintá (violín e voz). Este acto musical terá lugar no Auditorio Multiusos de Arcade, no concello de Soutomaior, e ten como finalidade fundamental homenaxear ó etnógrafo natural de Cotobade, Antón Fraguas, ó que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.

Durante a actuación de Oradaladou serán interpretadas as 13 pezas que compoñen o seu disco Cantigueiro de Cotobade, composto a partir das cantigas recollidas por Antón Fraguas. Á súa vez, estes temas levan o título das 13 parroquias que compuñan o antigo concello de Cotobade. O concerto, que posúe un alto compoñente didáctico, está incluído dentro dun programa de actuacións encargadas de espallar e dar a coñecer a figura de Antón Fraguas a través da música.