Noticias

O dúo Oradaladou encherá Vilaboa de música este venres para homenaxear a Antón Fraguas

O concerto será ás 20.30 horas na Casa dos Montes de Santa Cristina de Cobres e componse de 13 pezas baseadas en cantigas recollidas polo autor de Cotobade


07 novembro 2019
Dúo Oradaladou

A Deputación de Pontevedra organiza este venres 8 de novembro, ás 20.30 horas, un concerto do dueto Oradaladou, conformado por Sonsoles Penadique (acordeón diatónico e voz) e Carlos Quintá (violín e voz). Este acto musical terá lugar na Casa dos Montes de Santa Cristina de Cobres, no concello de Vilaboa, e ten como finalidade fundamental homenaxear ó etnógrafo natural de Cotobade, Antón Fraguas, ó que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas.

Durante a actuación de Oradaladou serán interpretadas as 13 pezas que compoñen o seu disco Cantigueiro de Cotobade, composto a partir das cantigas recollidas por Antón Fraguas. Á súa vez, estes temas levan o título das 13 parroquias que compuñan o antigo concello de Cotobade. O concerto, que posúe un alto compoñente didáctico, está incluído dentro dun programa de actuacións encargadas de espallar e dar a coñecer a figura de Antón Fraguas a través da música.

Este concerto viaxará tamén ós concellos de Moraña e Soutomaior. O venres 15 de novembro será a quenda da Casa da Cultura de Moraña, que acollerá o espectáculo ás 19.30 horas. Así, o domingo 17 o evento terá lugar no Auditorio Multiusos de Arcade, en Soutomaior.