Noticias

O espectáculo dramático "Invisibles" chega mañá a Cambados para visibilizar a violencia machista

O acto, organizado pola Deputación de Pontevedra, terá lugar no auditorio municipal de Cambados este domingo, ás 19.00 horas


05 outubro 2019
Invisibles

A Deputación de Pontevedra organiza o 6 de outubro, ás 19.00 horas, o espectáculo dramático Invisibles, da compañía Redrum Teatro. O evento, que terá lugar no auditorio municipal de Cambados, terá unha duración aproximada de 90 minutos e poñerá no punto de mira a invisibilidade que sofren os culpables de agresións machistas en contraposición coa exposición á que se ven abocadas as vítimas ante a sociedade.

Así, o espectáculo Invisibles, dirixido por Marián Bañobre, articúlase ó redor da novela homónima de Montse Fajardo e presenta ante o público sete testemuñas reais cun fío común entre elas: a violencia machista. A obra, coproducida por Redrum Teatro, o Centro Dramático Galego, a Concellería de Igualdade de Pontevedra e a Deputación da Coruña, recibiu nos XXIII Premios de Teatro María Casares tres galardóns nas categorías de mellor dirección, iluminación e adaptación-tradución.

Con todo, Invisibles está orientada a un público adulto e adolescente maior de 12 anos e concentra unha gran dose de conciencia crítica, cuestionando deste xeito a realidade que envolve a trama para procurar transformala a través da sensibilización do público con respecto á lacra da violencia de corte machista. Ademais do pase no auditorio municipal de Cambados, a peza tamén visitará o Centro Cultural Xaime Illa de Poio o 20 de outubro, ás 19.00 horas, e o Centro Social do Mar de Bueu o 27 de outubro, ás 20.00 horas.

Redrum Teatro, a compañía encargada da proposta, é unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos teatrais e edición de libros que leva en activo desde o ano 2009. Pola súa banda, a autora Montse Fajardo posúe unha traxectoria literaria e vital moi ligada ó ámbito da igualdade e a memoria histórica, con obras como Matriarcas ou Un cesto de mazás.