Noticias

Adíase o espectáculo ‘X Xela' da Deputación polas Letras Galegas en Vigo

A sede provincial da cidade olívica pasa a ser a protagonista do peche da xira do evento por toda Galiza cun concerto da Banda da Loba, `performance´ poéticas e audiovisuais


11 maio 2021
X Xela Vigo adiado

O principal espectáculo programado pola Deputación de Pontevedra para conmemorar as Letras Galegas en Vigo, X Xela, adiarase a unha data aínda por confirmar. Así o manifestou hoxe a deputada de Lingua, María Ortega, quen explicou que a previsión de mal tempo impide realizar o acto este xoves para, no seu lugar, pasar a pechar a xira que a actividade está a facer por toda Galiza.

X Xela é parte da programación que a Deputación está a desenvolver para conmemorar as Letras Galegas 2021 baixo o lema ‘365 días en galego' con actividades dirixidas principalmente á xente moza e o obxectivo de reivindicar a lingua propia como identidade e espertar a responsabilidade persoal da cidadanía para que non deixe de falar en galego.

Trátase dun espectáculo multidisciplinar no que todo xirará en torno a obra da autora mesturando tres formatos (música, poesía e fotografía. "Será un show dinámico, atractivo e 100 % feminino para homenaxear a unha poeta tan singular", apunta Ortega, que destaca que a asistencia é gratuíta, podendo reservar praza a través do formulario existente en www.depo.gal tanto para o acto de Vigo (notificarase data) como para o de Pontevedra (14 de maio).

A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias desde formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.

A parte poética de X Xela, comisariada por Tamara Andrés, contará con catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: "Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo; Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o proxecto ‘Dúas gamberras e un micro', que son rebeldes e denunciadoras de desequilibrios e lanzan frases coma frechas. O espírito de Xela estará moi presente", destaca a comisaria.

Máis actividades

Ademais dos espectáculos X Xela a Deputación ten unha extensa programación destinada ás Letras Galegas 2021, segundo explica a deputada de Lingua, María Ortega. En colaboración coa AELG realizaranse 20 obradoiros sobre Xela Arias a cargo da xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal -encargada da parte de 3.º e 4.º da ESO-, mentres o obradoiro ‘Xelapalabra' correrá a cargo do escritor Jesús Castro Yáñez e dirixirase a 4.º, 5.º e 6.º de Primaria. Celebraranse nas vindeiras semanas en Pontevedra, Vigo, Marín, Tomiño, A Estrada, Fornelos de Montes, Oia e Agolada, onde os centros xa esgotaron as prazas da AELG, que teñen unha longa lista de agarda.

Tamén haberá dúas exposicións, a primeira titulada "Lebres como gacelas", que está inspirada en "Tigres como cabalos" a obra de Arias con fotografías de Xulio Gil e servirá de base para o concurso de fotografía e poesía que se lanzará dirixido ao alumnado Secundaria e Bacharelato. A outra exposición será "Xela Arias, a poesía do retrato", en colaboración co Concello de Vigo, que reunirá poemas da autora xunto a retratos realizados por Xulio Gil durante os anos 80 e 90.

Por último, programarase unha acción escénica no castelo de Soutomaior para vincular a figura de Xela Arias coa de María Vinyals. Trátase de"‘Vencerse é unha cousa de se tratar", unha proposta de Fernando Abreu na que participa Mónica de Nut, Pablo Carrera e Roi Fernández e baixo a dirección de Avelino González.