Noticias

O exame para as bolsas de mestres composteiros reúne en Príncipe Felipe 309 aspirantes

As cualificacións coñeceranse mañá na páxina web da Deputación


30 nov 2015
composteiros

O exame para acadar unha bolsa de mestre composteiro do Plan Compost da Deputación de Pontevedra reuniu hoxe, no pavillón de Príncipe Felipe, 309 aspirantes dos 443 admitidos. As cualificacións coñeceranse mañá na páxina web www.depo.es, igual que a nota de corte para pasar á seguinte fase, a entrevista persoal, e a data desta. As 20 persoas que superen estas dúas probas accederán ao curso de formación. As dez mellores conseguirán as bolsas de emprego e serán as encargadas do mantemento dos primeiros centros de compostaxe comunitarios que a Deputación repartirá polos concellos da provincia nos primeiros meses de 2016.

O vicepresidente, César Mosquera, subliñou "a transparencia e normalidade do proceso, que permitirá á Deputación contar con persoal de gran formación na posta en marcha do Plan Compost". O nacionalista indicou que os mestres composteiros comezarán a traballar, se todo sae segundo o previsto, entre os meses de febreiro e marzo de 2016, cando os concellos xa teñan os centros de compostaxe comunitarios instalados -logo da selección de proxectos que a Deputación realizará no mes de xaneiro-.

A proba

O exame para mestre composteiro comezou ás nove da mañá, cando os membros do tribunal foron chamando por orde de lista os aspirantes, que foron recollendo o material e sentando nas bancadas do pavillón. Presentáronse 309 candidatos, o que supón o 70 % dos que formalizaran a inscrición.

O exame estaba conformado por 105 preguntas (cinco delas de reserva) sobre o proceso da compostaxe e outros sistemas de tratamento do lixo, lexislación e conceptos básicos de Bioloxía e Química. Os formularios, identificados mediante códigos, serán corrixidos automaticamente por un ordenador durante a tarde de hoxe e as cualificacións daranse a coñecer mañá nesta web. A máxima puntuación será de 100 puntos.

Unha vez se teña a lista de aprobados establecerase a nota de corte para pasar á entrevista persoal, que servirá para desfacer empates no caso de coincidencia de puntuacións na proba tipo test. O tribunal cualificador dará a coñecer a data destas entrevistas nos vindeiros días.

Os aspirantes tiveron dúas horas para responder as cuestións do exame, se ben os primeiros en entregar a folla de respostas o fixeron tan só trinta minutos despois de iniciar o tempo da proba.

O presidente do tribunal cualificador é o xefe do Servizo de Asistencia Intermunicipal (SAIM) do organismo provincial, Gabriel Rodríguez; a secretaria, a técnica de Emprego e Formación, María Chaves; e a vogal, a técnica provincial de Medio Ambiente, María Martínez Abraldes.

Curso de formación

Os 20 mellores aspirantes pasarán a unha nova fase: un curso de formación intensivo de seis semanas (con 12 horas semanais) no que expertos recoñecidos de Cataluña, Navarra, Guipúscoa ou Italia se encargarán das explicacións baixo a guía do novo asesor provincial de residuos, Carlos Pérez, e a técnica da Deputación María Martínez Abraldes. Tamén haberá clases maxistrais de profesores universitarios convidados.

Unha vez finalizado o curso a comisión seleccionadora proporá a adxudicación das dez bolsas convocadas aos aspirantes que obtivesen a maior puntuación, que obterán a titulación de mestre composteiro, en breve homologada pola Universidade.


A incorporación efectiva dos bolseiros producirase de xeito paulatino en función das necesidades reais marcadas polos centros de compostaxe comunitarios que vaian instalando. O resto de aspirantes que superasen o curso pasarán a formar parte dunha lista de reserva para os casos de renuncia ou incumprimento de obrigas. A remuneración dos bolseiros correrá a cargo da Deputación durante un período de seis meses prorrogables a outros seis meses máis, cunha contía de 1.400 euros ao mes (cos gastos de desprazamento incluídos). O seu traballo consistirá no mantemento dos centros de compostaxe comunitarios e no asesoramento e a divulgación do sistema. Poderán exercer a súa actividade en varios concellos a un mesmo tempo.


Novas relacionadas

Examen de mestre composteiro

03 marzo 2017, compostaxe, mestres composteiros, exame, mestre composteiro