Noticias

O festival SonRías Baixas de Bueu avanza no seu compromiso social cunha grande acollida das campañas da Deputación

As axentes de igualdade da campaña "Lembra! Eu decido, ti respectas" e "Conta comigo, eu respéctote" esgotaron todas as reservas do material informativo


05 agosto 2019
festival Sonrías Baixas de Bueu

As mensaxes con compromiso social da Deputación de Pontevedra estiveron presentes esta fin de semana no Festival SonRías Baixas, en Bueu, a través das campañas de concienciación medioambiental e contra as agresións sexuais. Como é habitual en todos os eventos que forman parte do circuíto de Festivais Rías Baixas, ámbalas dúas iniciativas tiveron unha grande acollida:  "Lembra! Eu decido, ti respectas" e "Conta comigo, eu respéctote"  chegaron a preto de 1.500 persoas, esgotando todo o material dispoñible, e "Experiencias SOStibles" tamén repartiu centos de materiais informativos e alternativas sustentables aos obxectos de plástico dun só uso.

A Deputación de Pontevedra levou o seu punto informativo das campañas de igualdade "Lembra! Eu decido, ti respectas" e "Conta comigo, eu respéctote" ao SonRías Baixas tanto o venres coma o sábado. A campaña chegou a preto de 1.500 persoas, concretamente a 750 mulleres e a 670 homes. O persoal, composto por cinco axentes de igualdade, esgotou absolutamente todas as reservas de materiais coas que contaba. Deste xeito, repartíronse máis de 1.000 guías informativas, 800 sombreiros, 800 pulseiras e 200 adhesivos. As axentes de igualdade salientaron o enorme interese espertado polo posto, con momentos nos que se formaron colas para poder atender todas as persoas interesadas en recibir información, malia atoparse moi preto do escenario, e destacaron o feito de que un gran número de rapazas xa coñecesen a campaña con anterioridade.

Por outra banda, no marco da campaña de sustentabilidade "Experiencias SOStibles", a Deputación de Pontevedra tamén tivo unha importante repercusión entre o público da xornada do venres do SonRías Baixas para espallar a mensaxe de concienciación contra o uso indiscriminado de obxectos de plástico, especialmente aqueles dun só uso ou de curta vida. Deste xeito, o persoal repartiu en total a pasada fin de semana 300 imáns, 100 bolsas de tea, 400 ecocabichas e preto de 2.500 folletos informativos entre os milleiros de persoas que se achegaron ao punto informativo instalado pola Deputación.

"Lembra! Eu decido, ti respectas" naceu en 2017 como unha campaña de concienciación contra as agresións sexuais en cita e por submisión química ante o incremento de ataques contra a liberdade sexual das mulleres, especialmente en eventos con grande asistencia de público. A campaña sensibiliza, conciencia, informa e pon de manifesto o que é a violencia sexual, implicando as persoas que reciben a información e instándoas a espallar a mensaxe con reparto de material e difusión a través de redes sociais. Desde 2018 a Deputación de Pontevedra leva a cabo paralelamente a campaña "Conta comigo, eu respéctote", que dá un paso máis cara á implicación dos homes, posicionándoos directamente en contra das condutas sexistas e fronte aos agresores.

Pola súa banda, "Experiencias SOStibles" é unha campaña de sensibilización e concienciación co obxectivo de eliminar o uso dos plásticos e as consecuencias que teñen no medio ambiente e na saúde das persoas. O posto desta campaña reparte información sobre os efectos dos plásticos nos espazos costeiros e fluviais e os riscos para a saúde dos plásticos que forman parte da vida diaria, e promove a substitución das bolsas que se usan habitualmente por bolsas de tea reutilizables, así coma vasos compostables e seguros para a saúde elaborados con fécula de millo e pataca. Tamén se promove o respecto dos espazos naturais e dos espazos públicos entre as persoas fumadoras, repartindo ecocabichas coas que recoller os refugallos que xera o tabaco sen tiralos ao chan.