O FICBueu chega á súa XV edición cunha programación ampliada e marcada pola calidade

A cita do cuarto certame dos “RíasBaixasFilmFest” terá lugar entre o 11 e o 24 de setembro no Centro Social do Mar, onde poderán verse máis de 100 curtametraxes

01/09/2022

Presentación FICBueu  

Bueu mergullarase na sétima arte entre os días 11 e 24 de setembro coa celebración da XV edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu), un certame que forma parte da marca provincial Rías Baixas Film Fest e que levará ao Centro Social do Mar máis de 100 curtametraxes. Así o anunciaron hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, o director do FICBueu, Manuel Pena, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, e o director de Agadic, Jacobo Sutil, quen acudiron á presentación do evento. Esta nova edición do FICBueu outorgará o Premio Cinema Galego ao actor Miguel de Lira e contará con pezas internacionais, nacionais e galegas ou outras pezas dedicadas ao público infantil ou xuvenil. Como novidade o festival incorporará unhas xornadas cinematográficas e a programación completarase con actividades paralelas como coloquios, programas de radio ou un mercado.

Carmela Silva asegurou que está "desexando que sexa 11 de setembro para que comece o FICBUEU e este concello se vista coas mellores galas do cinema". A presidenta provincial destacou a aposta deste festival "pola calidade" e polas mulleres na súa dirección e tamén puxo en valor a duración do certame que nesta XV edición, "unha cifra máxica", pasa dunha semana a dúas. "Poucos festivais de cinema teñen unha programación tan longa, e de tanta calidade, algo que tamén o identifica e referencia e que supón un enorme esforzo". Carmela Silva tamén mencionou a importancia de que todas as administracións participen financiando e cofinanciando o FICBUEU e fixo un recoñecemento aos sectores privados que tamén apoian o festival, "unha tradición bastante habitual na Galicia do século XX e que agora ten empresas herdeiras daquelas que apostaban pola cultura".

Na súa intervención a presidenta tamén puxo o foco na importancia do cinema, unha disciplina que "ten aportado moito ao sector cultural ao ter unha capacidade transformadora de crear pensamento". E neste sentido "un dos atractivos que ten o FICBueu é a aposta por facer chegar un cinema de calidade á sociedade que doutra forma non chegaría. A sociedade só avanza cando cambia e sae dos lugares de confort e por iso este festival muda cada ano". Ademais, resaltou que o festival se celebra nun concello "moi fermoso, con grandes valores paisaxísticos, con actividade vinculada ao mar e que leva moito tempo apostando pola cultura".

Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou que o festival "representa o colofón a un verán cada vez máis intenso, con moitas actividades nas que participa a Deputación de Pontevedra. O FICBueu fainos mudar o paso e lévanos cunha maior tranquilidade a un momento fermoso e máis íntimo".

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.