Noticias

O Goberno da Deputación aproba máis de tres millóns de euros para outros 13 municipios ao abeiro do Plan Concellos

A Xunta de Goberno deu luz verde a achegas para os concellos de Lalín, Moraña, Meaño, O Grove, Cambados, Marín, Mos, Gondomar, Baiona, Salvaterra de Miño, A Guarda, A Cañiza e Covelo


23 xullo 2021
xunta de goberno

Máis de tres millóns de euros chegarán a trece municipios da provincia grazas a novas achegas da liña 1 do Plan Concellos aprobadas na Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra. Os recursos irán destinados a Lalín, Moraña, Meaño, O Grove, Cambados, Marín, Mos, Gondomar, Baiona, Salvaterra de Miño, A Guarda, A Cañiza e Covelo para realizar investimentos que permitan "garantir dereitos e servizos nos concellos da provincia", tal e como indicou Carmela Silva.

A Lalín chegarán un total de 613.850 euros para realizar a pavimentación de diferentes núcleos como Alperiz, Goiás ou Madriñán (428.850 euros) e para o abastecemento de augas na Goleta (185.000 euros) co fin de prestar o servizo público e satisfacer as necesidades das persoas residentes. Moraña contará con 243.700 euros para humanizar e mellorar o pavimento da rúa N.º 7 (140.700 euros) e reconstruír un muro de contención e pavimentación na parroquia de Rebón (103.000 euros). Para Meaño a Xunta de Goberno aprobou 290.300 euros para pavimentar un camiño desde o lugar de Coirón e Valdamor (164.800 euros) e para ensanchar e pavimentar un camiño na Igrexa-Dena (125.500 euros).

O Grove contará con 246.400 euros da institución provincial para realizar tres actuacións: reparar o pavimento do aglomerado no paseo de Esteiro e Lordelo (108.900 euros), mercar unha parcela con acceso á rúa Luis A. Mestre e Entrehortas que sirva como aparcadoiro (70.000 euros) e reparar o pavimento e renovar o abastecemento en rúa Rons (67.500 euros). Ademais, a Xunta de Goberno aprobou para Cambados 233.200 euros para renovar a Praza de Fefiñáns, que se atopa nun entorno declarado Ben de Interese Cultural.

A Marín chegarán 256.400 euros para urbanizar a travesía República Arxentina. Mos empregará os 435.800 euros que lle concedeu a institución provincial para humanizar a estrada Generoso Domínguez desde o camiño da Quinta ata a Igrexa de San Pedro de Cela. Pola súa banda, Gondomar contará con 187.000 euros para as obras de mellora da pavimentación da pista de Piñeiro á Peroleira e da Estrada de Peroleira á Fonte. Do mesmo xeito Baiona poderá mellorar os pavimentos, sobreanchos e servizos do camiño Bargiela para facilitar o acceso e dar servizo ás vivendas grazas a unha achega de 193.800 euros.

Para Salvaterra de Miño a Deputación aprobou 76.900 euros co fin de financiar o saneamento do Camiño da Manquiña e do lugar da Vesada, na parroquia de Alxén. A Guarda contará con 77.000 euros para urbanizar un tramo da rúa Cal, situada a cabalo entre o centro urbano e a parroquia de Camposancos. Á Cañiza chegarán 79.000 euros que servirán para o aforro e eficiencia enerxética da iluminación pública das parroquias de Oroso e Petán e Covelo recibirá 78.800 euros para o acondicionamento da rúa de Bouza (en Prado de Canda), do Camiño Petouto (en Godóns), do Camiño Oleiros e do Camiño Ecedo (en Barciademera) e da pista da Igrexa (en Prado).