Noticias

O Goberno da Deputación aproba un convenio con Vigo e Pontevedra para as tres citas do balonmán nacional e internacional que acollerán ambas as dúas cidades

O convenio regula a organización do Campionato Estatal de Seleccións Autonómicas, do Torneo Internacional de España e do Mundial Júnior 2019


21 decembro 2017
Carmela Silva

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un convenio de colaboración cos concellos de Vigo e Pontevedra para a organización de tres grandes eventos do balonmán nacional e internacional: o Campionato Estatal de Seleccións Autonómicas e o Torneo Internacional de España "Memorial Domingo Bárcenas", que se disputarán na primeira semana de xaneiro, e o Campionato do Mundo Júnior Masculino de 2019. Para este último torneo introducirase unha addenda ao convenio unha vez que se reúna o comité de traballo do torneo.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou que "estes campionatos son moi importantes para a provincia pola cantidade de xente que atraen e que por iso se encadran dentro do Plan estratéxico de turismo, xa que serven como elemento desestacionalizador". O primeiro en comezar será o Campionato Estatal de Seleccións Autonómicas, que arrancará o 2 de xaneiro e rematará o domingo 7. Para este torneo, no que haberá máis de 2.000 participantes chegados de toda España, empregaranse ata 19 pavillóns (21 pistas): 6 en Pontevedra (o pavillón municipal, o multiusos da Xunqueira, o universitario, o CGTD, o do Príncipe Felipe e o pavillón de Marcón), 10 en Vigo (os das Travesas, Navia, Coia, Lavadores, Teis, Candeán, O Berbés, Coruxo, Moledo e Valadares) e tamén se usarán o pavillón da Raña, en Marín, o de Poio e as dúas pistas do pavillón do Porriño.

En relación con este torneo, Carmela Silva afirmou que "estamos a falar dun evento espectacular que permitirá que preto de 2.000 nenas e nenos de todo o país compitan na nosa provincia durante unha semana".

Pola súa banda, entre o 5 e o 7 de xaneiro, Pontevedra e Vigo acollerán o Torneo Internacional de España, preparatorio do Europeo de Croacia, no que a selección nacional masculina se enfrontará a Bielorrusia, Arxentina e Polonia. España xogará os dous primeiros partidos no pavillón municipal dos deportes de Pontevedra (contra Bielorrusia e Arxentina) e o terceiro no pavillón das Travesas de Vigo (contra Polonia). Este torneo serviralles aos hispanos para preparar un novo Campionato de Europa, que se xogará en Croacia do 12 ao 28 de xaneiro. Silva recalcou a importancia de ter na provincia á selección española masculina de balonmán "pois estamos a falar da actual subcampioa de Europa, que preparará en Pontevedra un novo Europeo, o de Croacia, ao que chegarán co obxectivo de volver loitar polas medallas." Ademais, a presidenta da Deputación informou de que tanto as finais xuvenís do Campionato Estatal de Seleccións Autonómicas coma os partidos de España no Torneo Internacional serán retransmitidos por Teledeporte.