Noticias

O Goberno de Carmela Silva adxudica obras por valor de 822.000 € para a mellora da eficiencia enerxética e impermeabilización de edificios no Centro Príncipe Felipe

En concreto, as actuacións desenvolveranse no Centro de Educación Especial de Pontevedra e no CIX Agarimo


20 setembro 2019
Reparacion Principe Felipe

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a adxudicación do contrato por valor de 821.917,91 euros para a reparación das fachadas do Centro de Educación Especial de Pontevedra e do CIX Agarimo no Centro Príncipe Felipe. Esta actuación, tal e como explicou a presidenta Carmela Silva, será executada pola empresa Obras y Servicios Gómez Crespo, S. L., e servirá para mellorar a eficiencia enerxética e a impermeabilización dos edificios.

Silva, quen aproveitou a ocasión para facer un recoñecemento á anterior deputada delegada do Centro Príncipe Felipe, Eva Vilaverde, destacou que a adxudicación supón unha rebaixa de 185.087,61 euros con respecto ao importe de licitación, que ascendía a máis dun millón de euros. A través da actuación vanse solucionar problemas de perdas enerxéticas, renovando a folla exterior da fachada, substituíndo a carpintería exterior e incorporando elementos para o illamento térmico do edificio.

As obras que se se adxudicaron están encadradas nos investimentos que a Deputación de Pontevedra está a realizar no Centro Príncipe Felipe. Deste xeito, ademais da mellora da eficiencia enerxética e impermeabilización do Centro de Educación Especial e do CIX Agarimo, tamén se actuou na cuberta do patio do Centro Materno Infantil e no patio da Escola Infantil Chupetes. Do mesmo xeito, tamén se substituíu o pavimento da cociña xeral e se repuxeron elementos para mellorar chans e instalacións de xogos nos parques infantís do CEIP, da Escola Infantil Chupetes e do Centro Materno Infantil.

Audios

  • Audio