Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba a adxudicación das Axudas Básicas de Emerxencia

Os 52 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poderán atender as demandas urxentes e necesidades da cidadanía que se atopa en situación ou risco de exclusión social


01 setembro 2017
Carmela Silva - Axudas Básicas de Emerxencia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación das axudas básicas de emerxencia para 48 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, cun orzamento de 428.100 euros (336.000 euros para gastos correntes e 92.100 euros para investimentos).  Están destinados  aos servizos sociais comunitarios municipais para atender as demandas urxentes e necesidades puntuais da cidadanía que se atopa en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a aquelas con menores ao seu cargo. Xa o ano pasado mediante estas axudas déronse cobertura ás necesidades básicas de 2.000 familias da provincia, das que máis de 1.450 tiñan menores ao seu cargo, preto de 1.200 tiñan a ambos proxenitores en situación de desemprego e 350 eran familias monoparentais.

Carmela Silva lembrou en rolda de prensa que nas próximas semanas aprobaranse estas axudas a outros 4 concellos da provincia, Dozón, Salceda, Tomiño e Vilanova de Arousa, para cubrir aos 52 municipios de menos de 20.000 habitantes, co que o orzamento amplíase aos 465.000 euros. A presidenta subliñou que "grazas a esta liña de axudas ofrecemos ao persoal social dos concellos recursos públicos, rápidos e eficaces para que as persoas beneficiarias das axudas poidan ter ferramentas que eviten a súa marxinalidade e diminuír as situacións de exclusión social."

As persoas beneficiarias destas axudas poderán empregalas para alimentación, uso de vivenda (pagamento de alugueiro ou hipoteca, axudas para acondicionar a habitabilidade da vivenda), pagamento de recibos (luz, auga, gas ou gasóleo), pagamento de produtos de hixiene e limpeza (lixivia, deterxente, xabón, desodorizante, hixiene feminina), pagamento de produtos farmacéuticos (prescritos por persoal facultativo), adquisición de electrodomésticos básicos (lavadora, quentador, cociña, frigorífico, deshumidificador...), pagamento de desprazamentos para recibir tratamentos, facer xestións ou participar en actividades, pagamento de lentes e audiófonos e axudas de apoio á infancia.

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén sinalou que "como grande novidade este ano introducimos como axudas básicas de emerxencia o pagamento de gastos derivados de tratamentos de odontoloxía e o pagamento de produtos de apoio para persoas con diversidade funcional ou dependencia."

Os 52 concellos que se beneficiarán das axudas básicas de emerxencia son Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, O Grove, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Oia, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Valga, Vila de Cruces e Vilaboa; e Dozón, Salceda, Tomiño e Vilanova de Arousa que se aprobarán en próximas semanas.