Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba novas achegas do Plan Concellos para Meaño e Vilanova de Arousa por case 420.000 euros

A Deputación de Pontevedra financia nestes dous concellos do Salnés o proxecto de acondicionamento dun espazo público e adquisición dun local para o arquivo municipal


06 xullo 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou dúas novas achegas para os concellos de Meaño e Vilanova de Arousa, dentro da liña 1 do Plan Concellos 2018. Estes investimentos supoñen un total de 418.809,68 euros.

Así, a institución provincial destina ao Concello de Meaño un total de 348.809,68 euros para financiar o proxecto de urbanización para a praza pública na rúa Ponte Dena. Con esta achega, Meaño xa ten recibido 499.638,68 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 58,4 % do plan provincial.

Pola súa banda, o Concello de Vilanova de Arousa recibe por parte da institución provincial 70.000 euros para financiar a adquisición dun local para arquivo municipal. A institución provincial xa destinou a Vilanova de Arousa 366.231,7 euros do Plan Concellos 2018, o que supón o 28,1 %.

Este ano a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.