Noticias

O Goberno de Carmela Silva aproba o proxecto "DepoFroitos" co obxectivo de impulsar as plantacións de froitos do bosque ecolóxico

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, resaltou a "nosa aposta por iniciativas enmarcadas na defensa do medio ambiente e de apoio ao medio rural"


08 novembro 2019
Depofroitos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o proxecto "DepoFroitos", relativo ao cultivo de froitos do bosque ecolóxico, iniciativa que enmarcase dentro de "EmpleaVerde", o programa do Ministerio para a Transición Ecolóxica cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

A presidenta da institución provincial destacou que "na Deputación seguimos apostando por iniciativas ligadas á defensa do medio ambiente cara á transición ecolóxica e o apoio ao medio rural, apostando por crear novas actividades que permitan o mantemento da poboación no territorio, grandes eixes deste mandato".

O obxectivo xeral do proxecto é impulsar a creación de plantacións de froitos dos bosques ecolóxicos, sobre todo en terreos abandonados, e mellorar a capacitación e a profesionalización das persoas emprendedoras que queiran dedicarse a esta actividade. Carmela Silva tamén detallou que "a través deste proxecto crearase un servizo de acompañamento específico para as empresas de nova creación relacionadas co cultivo de froitos do bosque. A través del proporcionaráselles información e asesoramento na tramitación de axudas e subvencións, na elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, e acompañamento técnico na iniciación dos proxectos empresariais".

Deste xeito, promoveranse as seguintes accións: elaboración de estudos técnicos de parcelas para o posible cultivo de froitos do bosque a través estudos climáticos, edafolóxicos, estudos da auga de rega, do material vexetal, de mercado e de rendibilidade, e creación dunha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores beneficios ao situar o produto a prezos máis competitivos. Ademais, a presidenta da Deputación apuntou que "para reforzar estas accións utilizaranse dúas ferramentas innovadoras que son un simulador de negocio sobre o cultivo e a comercialización de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de actuación". Cada persoa destinataria do proxecto terá un servizo de asesoría e consultaría gratuíto na modalidade en liña (correo-e, teléfono e WhatsApp). Así poderán recibir o apoio necesario para que sexa máis fácil xestionar a creación e o mantemento da súa nova empresa relacionada co cultivo, a elaboración e transformación de froitos do bosque.

Os froitos do bosque son un tipo de froita de recente introdución no mercado español que nos últimos anos medrou considerablemente e que está a ter unha grande capacidade de comercialización. Silva sinalou que "este tipo de explotacións poden ser moi rendibles se se atopa un modelo óptimo de comercialización da froita, sobre todo se o destino final é o consumo en fresco, xa que esta alcanza un alto prezo no mercado" e rematou apuntando que "para producir estes froitos precísase dunha elevada man de obra, polo tanto con este proxecto incentivarase tamén a oferta de traballo e, así mesmo, pretenderase fixar a poboación rural en localidades cuxos ingresos se obteñen fundamentalmente no sector agrario".

Audios

  • Audio