Noticias

O Goberno de Carmela Silva aprobará este venres unha achega do Plan Concellos 2019 para Valga de máis de 81.000 euros

Este investimento da Deputación de Pontevedra servirá para financiar a mellora da climatización do auditorio municipal da vila


14 febreiro 2019
Plan Concellos

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación este venres pola Xunta de Goberno da Deputación dun investimento para Valga con cargo á Liña 1 do Plan Concellos de 2019. En concreto, serán 81.376,21 euros cos que a vila poderá financiar a mellora da climatización do auditorio municipal de Valga. Este ano a institución provincial pon á disposición de Valga ao través do Plan un total de 538.232,16 euros, un 5,54 % máis que no 2018.

Máis polo miúdo, esta actuación consistirá na instalación de dúas unidades enfriadoras exteriores que se colocarán sobre a cuberta do edificio e na instalación dunha rede de condutos de distribución de aire interior que dará servizo á zona do auditorio e aos camerinos. Este novo sistema de climatización discorrerá por enriba do falso teito das estancias.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio do 2018.