Noticias

O Goberno de Carmela Silva aprobou destinar preto dun millón de euros á mellora da estrada EP-0307 Peso-Caroi na Lama

A presidenta da Deputación destacou a "importancia desta obra", que conta cun orzamento de preto dun millón de euros e réxese polos principios de mobilidade segura e sustentable da institución provincial


05 outubro 2019
Estrada A Lama

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación para a execución da obra de ensanche e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-0307 Peso-Caroi, entre o punto quilométrico 4+000 e o 6+000, no concello da Lama. Carmela Silva resaltou "a importancia desta obra, que segue as liñas do modelo de estradas da Deputación, baseada na seguridade viaria, o respecto ás e aos peóns e a sustentabilidade".

Esta actuación, que ten un orzamento de 940.182,85 euros, ten por obxecto a ampliación da plataforma viaria nese tramo da estrada, a dotación de cuneta de seguridade dun metro de ancho na marxe dereita, beirarrúas de 0,5 m en ambas marxes, carrís de 2,75 m e unha berma pola marxe esquerda de 0,5 m. Ademais o proxecto tamén contempla a construción de varios muros de sostemento, así como o recuamento de peches e barreiras de protección e a substitución ou ampliación de obras de drenaxe.

A actuación que se vai acometer na Lama responde ás demandas urbanísticas, ambientais e sociais de máximo respecto ao territorio e ao patrimonio. Ademais, tal e como destacou a presidenta provincial, vai na liña do modelo implantado polo Goberno da Deputación de mobilidade segura.