Noticias

O Goberno de Carmela Silva estende a outros 24 concellos da provincia a aplicación para a xestión electrónica das sancións de tráfico

Esta iniciativa pioneira, que xa se desenvolve en Caldas e O Porriño, facilita o traballo da policía local e permite reducir o tempo de tramitación das multas


29 decembro 2019
Carmela Silva

A posta en funcionamento da aplicación electrónica destinada a axilizar a tramitación de denuncias por infraccións de tráfico chegará a máis concellos da provincia, ademais de Caldas de Reis e O Porriño, onde xa se está a desenvolver. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o expediente de contratación para a implementación e posta en funcionamento desta aplicación en 24 novos concellos. A súa finalidade é facilitar o uso dos teléfonos intelixentes como instrumentos de captura de denuncias de tráfico naqueles concellos nos que o Servizo ORAL xestiona a tramitación destas notificacións. Este contrato administrativo de servizos conta cun orzamento de 98.554,50 euros (IVE incluído), e beneficiaranse del doce concellos con ordenanza e árbore específica de sancións e outros doce sen elas. Ademais, neste orzamento tamén se inclúe unha xornada de formación para as e os axentes destes concellos, que terá lugar a comezos do 2020.

Deste xeito, a iniciativa da institución provincial chegará a Baiona, Cambados, A Cañiza, Cangas, Cuntis, A Estrada, Gondomar, O Grove, Lalín, Meaño, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Ponte Caldelas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilanova de Arousa e A Illa de Arousa. Estes concellos sumaranse aos de Caldas de Reis e O Porriño, nos que este novo sistema xa está a funcionar desde hai uns meses. Polo tanto, serán un total de 26 concellos os que dispoñan da aplicación.

A Deputación de Pontevedra ten a facultade de xestionar e recadar as multas de tráfico, así como a tarefa de colaborar na tramitación dos expedientes sancionadores en materia de tráfico que realizan os concellos da provincia. A través desta iniciativa a institución provincial continúa esforzándose por dotar os municipios máis pequenos de novos medios tecnolóxicos e servizos do século XXI.