Noticias

O Goberno de Carmela Silva financiará con 200.000 euros de fondos propios o proxecto da vía verde do Salnés, a primeira de Galicia

A Deputación convértese na primeira administración que compromete oficialmente apoio e orzamento. A presidenta visitou o trazado cos alcaldes de Vilagarcía de Arousa, Portas e Caldas de Reis


18 abril 2018
Vía Verde do Salnés

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto aos alcaldes de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas, Alberto Varela, Juan Manuel Rey e Víctor Estévez, realizou un percorrido polo trazado da futura vía verde do Salnés, que será pioneira en Galicia. Silva manifestou o "total apoio da Deputación a esta iniciativa, a primeira deste tipo que se está a desenvolver na nosa comunidade, que están a promover os concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas e que cumpre con moitos dos nosos obxectivos". Neste eido, a presidenta provincial adiantou que a Deputación achegará "200.000 euros dos nosos fondos propios, que están comprometidos, para impulsar de xeito inmediato esta actuación a través dun convenio de colaboración".

Carmela Silva destacou que a vía verde do Salnés, proxecto de acondicionamento do trazado de ferrocarril en desuso dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas, será "un elemento moi importante de atracción turística". De feito, a presidenta da Deputación detallou que son "millóns as persoas que se moven polo mundo para percorrer vías verdes a través de espazos que ofrezan, ademais, cultura e elementos paisaxísticos de interese".

Xunto ao interese turístico desta actuación, Silva tamén fixo fincapé na importancia da vía verde "para recuperar espazos en desuso". A presidenta destacou que "as administracións temos a obriga de recuperar espazos que no pasado se destinaron a un acometido e hoxe están baleiros de contido". Ademais, tamén é un xeito de recuperar "o espazo que no pasado se lle quitou á xente, abrindo novos lugares para o ocio, para a oferta lúdica, para que as persoas o poidan gozar, algo que ten moito que ver cos proxectos que estamos a poñer en marcha desde a Deputación de Pontevedra en materia de mobilidade, accesibilidade e seguridade".

A presidenta da institución provincial puxo tamén en valor a suma de sinerxías entre os concellos de Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Portas para promover proxectos comúns. Ao respecto, Carmela Silva explicou que "un dos acordos do noso pacto de Goberno entre o PSdeG e BNG era o financiamento de proxectos que fosen presentados por un conxunto de concellos, como acontece neste caso, polo que neste eido o proxecto da vía verde tamén cumpre cos nosos eixos de actuación".

A vía verde do Salnés vai ser a primeira destas características en toda Galicia. "Estou segura que vai ser un elemento de moita atracción de visitantes –indicou a presidenta provincial– polo que quero felicitar aos tres alcaldes pola idea, por ser capaces de impulsar proxectos conxuntos que van redundar no Salnés pero tamén en toda a provincia e en toda Galicia, xa que falamos dunha ruta pioneira na nosa comunidade, algo que noutras zonas do territorio está desenvolvido".

Sobre a vía verde do Salnés, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, asegurou que "aspiramos a que as obras comecen este ano porque o feito de ser pioneiros é un dos aspectos máis importantes, que vai permitir poñer en valor elementos do noso patrimonio, e cantos antes o poñamos en marcha mellor".

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, agradeceu á Deputación de Pontevedra "a boa predisposición, desde o principio, por apostar de xeito decidido por este proxecto e velo con bos ollos". Varela enxalzou "as facilidades dadas en todo o momento e a xenerosidade da institución provincial que, ademais dos fondos que achega a través do Plan Concellos, está a facer un esforzo novamente neste proxecto. Ogallá que cando chamásemos a outras administracións fose tan fácil como coa Deputación". Varela asegurou que o proxecto da vía verde está xa redactado e que soamente queda "impulsar os trámites administrativos para que poidamos gozar canto antes desta primeira vía verde galega que, ademais de fomentar o turismo de natureza atravesa elementos patrimoniais e históricos de grande importancia".

Na mesma liña se manifestou o alcalde de Portas, Víctor Estévez, que subscribiu o declarado polos alcaldes de Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa e manifestou o seu desexo de que "entre todos e todas saian as cousas adiante".