Noticias

O Goberno provincial aproba máis de medio millón de euros para impulsar actividades de fomento da igualdade e contra as violencias machistas

Destínanse 220.000 € a iniciativas para concellos de menos de 20.000 habitantes e 324.000 € para "Conectadas", programa no que en 2018 participaron máis de 4.500 persoas


01 febreiro 2019
Carmela Silva

"Nesta Deputación seguimos expandindo a igualdade por toda a provincia de Pontevedra tal e como non fai ningunha outra administración. Xa somos un referente nesta loita pola igualdade e contra as violencias machistas". Así se manifestou hoxe a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tras a Xunta de Goberno na que se lle deu o visto bo ás bases reguladoras das subvencións dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero, así como ás bases reguladoras do programa "Conectadas" 2019. Silva salientou que "son unha mostra máis da aposta que mantemos pola igualdade e pola loita contra as violencias machistas, que son dúas premisas básicas que mantemos desde o principio e que definen a nosa maneira de gobernar".

As axudas para concellos de menos de 20.000 habitantes para fomento da igualdade e prevención da violencia de xénero serven para que os municipios máis pequenos, ao longo deste ano, poidan desenvolver proxectos, programas e actividades para a igualdade real entre mulleres e homes e para a loita contra as violencias machistas. É unha liña de axudas que este ano conta cun financiamento de 220.000 euros, coas que "os municipios máis pequenos teñen a capacidade de desenvolver este tipo de actividades, algo que cómpre destacar que nós puxemos en marcha, por primeira vez, en 2016 porque ata ese momento non existían axudas deste tipo".

A través desta liña de axudas, poderanse sufragar distintas actuacións, entre as que están, por exemplo, actividades de sensibilización, formación e prevención; iniciativas xurdidas das Mesas Locais de Coordinación Institucional contra a violencia de xénero; proxectos para a mellor da atención integral ás vítimas; elaboración de Plans Municipais de Igualdade; campañas de difusión e sensibilización; ou a creación de redes e servizos de apoio para favorecer a co responsabilidade e a conciliación.

Os concellos poderán facer as súas solicitudes unha vez que saia publicada, no BOP da provincia, a convocatoria coas bases hoxe aprobadas. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, valorándose os criterios obxectivos fixados nas bases. En 2018 beneficiáronse destas subvencións un total de 45 concellos da provincia, 50 concellos en 2017 e outros 35 municipios en 2016.

Así mesmo, a Xunta de Goberno provincial vén tamén de aprobar as bases reguladoras do programa "Conectadas" 2019. Trátase dunha iniciativa que pon o acento na formación, desenvolvendo cursos e obradoiros sobre distintas cuestións para apoderar ás mulleres e dotalas das ferramentas necesarias para construír unha sociedade igualitaria. Diríxese a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñen por obxectivo a promoción das mulleres e o apoio ao seu desenvolvemento e empoderamento, así como aos seu tecido asociativo.

"Conectadas" 2019 conta cun orzamento de 324.000 euros. As accións formativas terán unha duración de 35 horas. En cada unha delas poderán participar entre 20 e 25 persoas, establecéndose un mínimo de 15 persoas. Contémplanse un total de 40 accións formativas distintas ás que optar, agrupadas en oito bloques temáticos: Muller Emprende, Muller e Cultura, Actualízate, Coas túas mans, Porque ti o fas, Súmate ao cambio, Ponte en forma e Coidados persoais. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Ademais, impartirase un módulo obrigatorio de 5 horas de sensibilización na igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

No pasado ano 2018, este programa de Deputación chegou a máis de 4.500 persoas, a través de 306 entidades de 57 concellos da provincia.