Noticias

O Goberno provincial de Carmela Silva financia en Vila de Cruces a construcción dunha pista de padel cuberta cunha achega de 141.000 euros

Trátase dun novo investimento do Plan Concellos, ao través do cal a Deputación pon este ano á disposición da vila un total de 672.245,30 euros, un 3,06 % máis que no 2018


27 febreiro 2019
Plan Concellos 2018-2019

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe da aprobación o próximo luns pola Xunta de Goberno da Deputación dun novo investimento para Vila de Cruces con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto son 141.000 euros para financiar a construción dunha pista de pádel cuberta nos terreos circundantes do CEIP Nosa Señora da Piedade. Este ano a institución provincial pon á disposición de Vila de Cruces ao través do Plan un total de 672.245,30 euros, un 3,06 % máis que no 2018.

Máis polo miúdo, a intervención consiste na construción dunha pista cuberta de pádel, na urbanización da parcela para mellorar a accesibilidade desde o viario de acceso público e desde o CEIP ata a pista, e, por último, para a construción do peche da parcela mediante un muro similar ao que actualmente delimita a parcela do centro educativo.

Ademais das achegas correspondentes á Liña 1, que son este ano de 465.691,92 euros, o Concello de Vila de Cruces tamén ten á súa disposición polo Plan Concellos 2019 un total de 59.900,48 euros na Liña 2 de amortizacións e débedas. Así mesmo, outros 146.652,90 euros da Liña 3 de emprego cos que a Deputación financia a contratación de 10 traballadoras e traballadores para o concello.

Neste novo ano 2019, no total da provincia, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios ao través do Plan Concellos case 43 millóns e medio de euros, o que supón un 3,3 % máis que no exercicio anterior.