Noticias

O Goberno provincial inicia o proceso para recuperar a Xunqueira de Alba "non hai marcha atrás, o noso compromiso co medio ambiente é irrenunciable"

"É unha grande noticia, somos consecuentes cun modelo novo, diferente e respectuoso de actuar no territorio"


15 xaneiro 2020
O Goberno Provincial inicia o proceso para recuperar a Xunqueira de Alba

"O noso compromiso co medio ambiente cara á transición ecolóxica é irrenunciable. Non hai marcha atrás". Con esta declaración, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao vicepresidente, César Mosquera, e o deputado Carlos Font, anunciou hoxe o inicio do procedemento para a recuperación ambiental da Xunqueira de Alba en Pontevedra, que terá como consecuencia o traslado ao polígono de Barro dos equipamentos que a institución provincial ten en terreos do humedal. "Nós tiñamos un compromiso serio, real e verdadeiro –asegurou Carmela Silva– para recuperar a Xunqueira de Alba desde o punto de vista medioambiental e hoxe anunciamos que iniciamos o procedemento".

Para Silva trátase dunha "grande nova para o medio ambiente e para a cidade de Pontevedra. Un modelo novo e diferente de actuar no territorio no que se respecta o medio ambiente; un proxecto da Deputación pero tamén un proxecto de cidade". Así, a presidenta recordou que o traslado do parque de Maquinaria ao polígono de Barro responde á necesidade de "cumprir coa lei, xa que segundo a lei de costas o límite da concesión rematou xa en xullo de 2018" pero sobre todo se trata "dunha decisión consecuente coas políticas deste Goberno provincial enmarcado no compromiso real co medio ambiente e a transición ecolóxica".

A presidenta detallou que "falamos dun proceso ambicioso e complexo" do que xa se encargou un estudo para analizar tanto o custo como o proceso de traslado do parque de Maquinaria ata o polígono de Barro e, deste xeito,  recuperar a Xunqueira, humedal protexido e Espazo Natural de Interese Local (ENIL). "Segundo o estudo que fixemos o proxecto ten un custo estimado de 3,2 millóns de euros e seguirá un proceso de tres fases". Así, a primeira terá lugar xa neste 2020 e contará cun orzamento de 120.000 € para a redacción dos estudos previos, os proxectos de obra e de demolición, o proxecto de rexeneración e as autorizacións e licenzas.

Posteriormente, nunha segunda fase que terá un prazo de execución de entre 16 e 24 meses e un orzamento de 2,1 millóns de euros, licitaranse e executaranse as obras de construción da nave do parque de Maquinaria no polígono de Barro. Nesta etapa tamén se procederá ao traslado de equipamento e material desde a Xunqueira ata Barro.

A última fase do proxecto, cun orzamento previsto de 884.000 euros, consiste na recuperación da Xunqueira de Alba. Neste caso, segundo informou Carmela Silva, licitarase a recuperación do espazo, executaranse obras e demolicións de edificios, así como a xestión de residuos, a reposición de servizos ou a formación do humedal e do bosque de ribeira.

Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, amosou a súa satisfacción polo paso adiante da Deputación para recuperar e reverter a situación das zonas húmidas e xunqueiras, que cualificou de "tremenda". Lembrou que a "traxedia" de rechear os humedais na vila do Lérez fíxose no seu momento cunha mentalidade moi "a contrapelo" do que estaba a pasar no resto do mundo, e apuntou que o Acordo Ramsar –convenio mundial de protección das zonas húmidas– foi asinado no ano 1971: "Mentres que a tendencia mundial ía por manter, recuperar e poñer en valor humedais e zonas húmidas seguíamos aquí exactamente facendo o contrario, por esta España cañí que sempre ten razón en contra de todo o mundo, con sectores moi destacados en Pontevedra", criticou.

O nacionalista salientou que en Pontevedra hai recheados, desecados e estropeados humedais que teñen bastante máis superficie que toda a cidade. Destacou que "nin deseñado aposta" se poderían ter distribuído industrias ou factorías da maneira tan desastrosa como se fixo, con Tafisa vertendo a caño libre, La Cross (industria química) no fondo da Xunqueira, o parque de maquinaria da Deputación coa planta de aglomerado, na ría Celulosas e no Gafos tamén unha curtidoira. "Cada un nunha esquina para que contaminaron todo", destacou, lembrando que na Xunqueira de Alba situouse tamén o vertedoiro da cidade e pasou, xa nos anos 90, a autoestrada. O vicepresidente destacou a dificultade de recuperar os terreos da Gándara e instou a outras administracións con concesións na zona a imitar á Deputación e actuar en consecuencia, citando ao Ministerio de Fomento que ten terreos sen usar, e á Consellería de Medio Ambiente, que "agardemos que con ese nome dea exemplo e se traslade". "A actuación é unha grande noticia, dixo, vai costar uns cartos pero penso que o fin, recuperar estes espazos, ben merece estes fondos e recursos".

Audios

  • Audio