Noticias

A desinfección dos Colexios Públicos do Grove aplica os criterios de esterilización semellante aos dos quirófanos

O protocolo de desifención posto en marcha é posible gracias á maquinaria específica adquirida polo Concello e á actuación dos membros de Emerxencias do Grove.


09 outubro 2020
O Grove
Desinfección colexios O Grove

Tal e como se ven informando o Concello do Grove asumiu as tarefas de desinfeción dos catro centros educativos públicos do Grove tanto no relativo aos seus custos como na dotación de recursos humanos para a súa posta en marcha. De feito, o pasado Pleno do Concello acordou reclamar estes gastos á Xunta de Galicia que eludiu a súa responsabilidade sobre isto a pesares de existir informes xurídicos que indican que tería que asumir ese custo e incluso dispoñendo de fondos estatais para cubrilos.

O protocolo de actuación pasa por que a empresa de limpeza habitual dos centros realiza unha limpeza e desinfección á metade da xornada e segue realizando unha limpeza de tipo habitual ao final da xornada. Unha vez que esa limpeza remata son os membros do Servizos de Emerxencias do Grove os que realizan unha desifección dos centros mediante o nebulizador que distribúe peróxido de hidróxeno segundo o mesmo sistema que se emprega na desifección dos quirófanos nos centros sanitarios. O Grove é o primeiro concello de Galicia que aplica este sistema sendo, unha vez máis, pioneiros na xestión de medidas de seguridade fronte á covid.

O proceso comezou nos primeiros días do Colexio e manterase durante todo o curso ou ata que se manteña a alerta sanitaria. A desinfección completa de cada centro require ao redor dunha hora e media de traballo e no proceso ponse especial atención nas zonas comúns e naqueles elementos que son máis susceptibles de contacto. Dende o Concello do Grove incídese en que estas medidas resultarán eficaces se se acompañan dos coidados persoais como emprego de máscara e (dentro do posible) o mantemento da distancia.