Noticias

A pandemia impide a organización da "ludoteca de verán"

A situación sanitaria provoca que, por segundo ano consecutivo, non se leve a cabo esta actividade co modelo habitual de presencialidade.


14 maio 2021
O Grove

O Concello do Grove leva xa varias semanas realizando as correspondentes consultas e valoracións de cara á recuperación realización da habitual "ludoteca de verán" na que participaban numerosos nenos e nenas da vila nos meses do verán. A pesar dos bos datos con respecto á incidencia da pandemia no municipio, a esixencia de medidas de seguridade relativas a capacidades, distancias de seguridade e uso de máscara e desinfectantes seguen estando vixentes e impiden o desenvolvemento desta actividade coas características previas á pandemia.

Tendo en conta estas circunstancias e a peculiaridade desta iniciativa, na que o fundamental é a interacción dos pequenos e pequenas contando ademais con espazos concretos e limitados, a busca de garantías de seguridade fai necesario non convocar a ludoteca e seguir traballando en medidas que, como esta, poidan contribuír á conciliación laboral das familias. Agárdase que esta complexa decisión contribúa a seguir mellorando no relativo á expansión do virus e que o vindeiro ano se poida recuperar a normalidade nesta e en todas as actividades educativas.