Noticias

A praza do Corgo acollerá este sábado a actuación do grupo Broken Peach

A actuación está prevista ás 21.30 horas e manteranse as habituais medidas de seguridade.


04 agosto 2020
O Grove

Dentro do plan de actividades de dinamización comercial que ten establecido o Concello do Grove estase traballando en varios eidos, incluído o da organización de actividades que poidan permitir a atracción de público á localidade. Entre as propostas desenvoltas en períodos fóra de temporada alta destacaron as actuacións do Nadal e agora acométese unha proposta en temporada de verán que pretende ser un complemento ás actividades culturais e que permitirá valorar a incidencia deste tipo de actuacións no incremento de visitas ao Grove.

Deste xeito, a proposta realizada nesta ocasión será a actuación do grupo Broken Peach, unha agrupación musical que se autodescribe como un espectáculo para nenos e adultos e que se desmarca das bandas de versións dándolles un toque persoal aos temas que interpretan. Trátase dunha formación de catro voces, batería, baixo e guitarra/piano que naceu no ano 2009 e que volve ao Grove logo da boa acollida de actuacións anteriores.

Lembramos que este grupo gravou un dos seus videoclips na Aldea Grobit da Illa da Toxa, polo que gardan unha especial relación coa nosa vila. O sábado ocuparán o escenario da praza do Corgo con versións de clásicos adaptadas, tentando transmitirlles festa e alegría aos asistentes. Lembramos que é obrigatorio o emprego de máscaras e que deberá manterse a distancia social, ao tempo que se controlará o número de persoas na zona.