Noticias

O Grove escenario dunha nova acción do programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero"

A performance de Alba Blanco, "Fender a morada de Barbazul", foi un berro de reivindicación social contra a violencia machista


29 xuño 2017

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e das concelleiras do goberno municipal do Grove, Noemí Outeda e Ángeles Domínguez, asistiu este xoves a unha nova intervención artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", proxecto impulsado polo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra para dar visibilidade á loita contra a lacra machista, así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

Antes da actuación da artista viguesa Alba Blanco Boga, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quixo recalcar a importancia do proxecto "Mulleres en Acción. Violencia Zero": "esta iniciativa trátase de indignarnos conxuntamente fronte a terrible lacra que padecemos no noso país. Trátase de reflexionar sobre todo o que temos que facer para crear unha sociedade diferente na que se erradique a violencia contra as mulleres. E trátase tamén de facer un grito de denuncia e reivindicación social para esixir máis recursos para loitar contra a violencia machista."

As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionan como arma de visibilización e de reflexión, para promover unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes. Estas accións foron organizadas en colaboración conxunta cos concellos participantes e co apoio de asociacións de loita pola igualdade de xénero. En verbas de Carmela Silva, "non podemos facer minutos de silencio cada vez que unha muller é asasinada e pensar que con iso xa está todo feito coma sociedade. Os minutos de silencio están ben pero non son suficientes. Este tipo de proxectos son moi importantes para facer unha denuncia continuada con accións que espertan conciencias."

Nesta ocasión, o programa ofreceu a actuación de Alba Blanco, "Fender a morada de Barbazul", que contou co acompañamento do Grupo de Teatro Afeccionado de Mulleres do Grove. "Esta obra poranos a pel de galiña e fará saiamos máis fortes, máis comprometidas e comprometidos, máis concienciadas e concienciados para parar a violencia contra as mulleres. Está na nosa man cambiar esta situación", afirmaba Carmela Silva antes da performance. E así aconteceu posteriormente, xa que a obra de Alba Blanco, unha reescritura de Tamara Andrés do conto do pirata de Barbazul, non deixou indiferente a ninguén.

A galega Alba Blanco é unha artista visual, ilustradora e performer que amosou a súa obra en exposicións, mostras, festivais, concellos e espazos públicos de Galicia, España, Alemaña, Holanda, Arxentina, Ecuador e Irlanda.

"Mulleres en Acción. Violencia Zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero.

Esta segunda edición do programa deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, e ten previsto recalar ó longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

Fotos


Novas relacionadas

Violencia Zero

23 outubro 2017, violencia zero, vila de cruces, mulleres en acción
Mulleres en Acción. Violencia Zero en Silleda

26 setembro 2017, silleda, carmela silva, violencia zero, mulleres en acción, deputación de pontevedra
Violencia Zero

21 nov 2016, violencia machista, violencia zero, violencia de género, violencia de xénero