Noticias

O alcalde do Grove presentaralles hoxe o plan de humanización do barrio do Sineiro á veciñanza da zona

Trátase dun plan integral previsto en varias fases que comezará este ano e actuará nas nove rúas do barrio.


04 agosto 2020
O Grove

O alcalde do Grove reunirase esta tarde, ás 20.30 horas, coa directiva da Asociación de Veciños e Veciñas do barrio do Sineiro. Trátase dunha reunión aberta, pero que, debido ás actuais medidas de seguridade, ten que ser limitada no relativo ao número de persoas asistentes, polo que se convocou á directiva para que esta contribúa a facerlles chegar a información de primeira man a todos os veciños e veciñas.

A actuación que se pretende busca a humanización das rúas, renovando os elementos de urbanización e integrándoos na contorna do núcleo urbano, ao tempo que busca unha maior accesibilidade da zona dándolle prioridade ao peón (como no resto do centro da localidade), aumentando o ancho das beirarrúas e dispoñendo de reservas de aparcadoiro onde o espazo o permite, priorizando as zonas máis edificadas. Tamén se reorganizarán os sentidos de circulación, na meirande parte da zona con vías de sentido único, tendo en conta que isto permite aumentar as beirrarúas e manter unha densidade de tráfico moi baixa nunha zona que se considera residencial.

Inda que todo isto será o que máis se visualice, a actuación máis importante estará baixo terra, coa renovación das antigas e danadas redes de servizo, que precisan dunha modernización. Todo isto permitirá unha necesaria renovación e integración do barrio no centro urbano. A actuación inclúe as rúas: Cantabria, Estremadura, Navarra, A Rioxa, País Vasco, Castela-A Mancha, Andalucía, Valencia e Cataluña, cun orzamento total —que se executará por fases— de 1.229.567,74 euros. Ao igual que noutras actuacións anteriores, é prioritario informar a veciñanza sobre a execución desta.