Noticias

O Concello do Grove celebra o mes da literatura cun novo programa cultural "Contos, maxia e Rock and Roll"


22 marzo 2019
O Grove
Contos, maxia e Rock and Roll

O Concello do Grove pon en marcha "Contos, maxia e rock and roll" un novo programa cultural para celebrar o Mes do Libro. Trátase dun innovador programa que combina lectura, contos, maxia, intriga  e música a ritmo de rock and roll con iniciativas dirixidas a público de diferentes idades.

O programa dará comezo o sábado 6 de abril co Escape Room literario "A praia dos afogados" unha actividade baseada no libro do mesmo título de Domingo Villar e dirixido a público da 4º da ESO  e bacharelato que teñan lido a obra. A iniciativa xurde como unha colaboración co IES Monte da Vila e, tanto a  actividade como as probas e o decorado, foron ideadas e realizadas polas bibliotecarias do Grove. Dado que o número de persoas que poden participar é limitado, ofreceranse varias sesións que darán comezo ás 11:00 h do sábado.

Xa o mércores 10 de abril na biblioteca municipal do Grove será a quenda de Pakolas co espectáculo Cores, contos e rock'n'roll dirixido á rapazada de infantil dos CEIP Rosalía de Castro e Valle-Inclán. O xoves 12, a actividade trasladarase á Axencia de Lectura de San Vicente na cal Migallas ofrecerá un espectáculo de cantacontos para a rapazada de infantil e primeiro ciclo de primaria dos CEIP As Bizocas e Conmeniño.

A fin de semana do 13 e 14 de abril ás 18:00 h celebrarase na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey un festival de maxia dirixido a público familiar no que participarán dous dos magos máis coñecidos da xeografía española.  O sábado 13 o mago Luigi Ludus achegará ata o público meco o seu espectáculo "A maxia da lectura", no que mestura o mundo da maxia coa lectura dos grandes éxitos da literatura infantil. O domingo 14 chega á Casa da Cultura do Grove o espectáculo familiar de ventriloquía máis potente do país: GOT Rock a cargo de Francis Zafrilla e con sete personaxes en escena.

O martes 23 de abril TrinkeTrinke Teatro achegará ata a biblioteca do Grove una nova aventura dos ratos de Lonxedetodo, dirixido á rapazada a partir de 4 anos. As prazas son limitadas polo que se require inscrición previa na biblioteca municipal.

O venres 26 de abril e grazas ao programa FalaRedes,  terá lugar na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey a actividade Canta miña pedra, canta, un espectáculo familiar dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos que levarán adiante o músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita, baixo xestión da Editorial Galaxia. O sábado 27 de abril a contadora Raquel Queizás ofrecerá na Axencia de Lectura de San Vicente unha nova sesión de contacontos con moitas sorpresas. É necesaria inscrición previa.

Deste xeito o Concello do Grove segue apostando pola organización de actividades variadas e dirixidas a todos os públicos para o fomento da lectura e a cultura.