Noticias

O Concello do Grove comeza a colocación da iluminación do Nadal

O Concello mantén o investimento buscando contribuír a mellorar o ánimo da localidade, tendo en conta especialmente os máis cativos, que teñen que vivir esta complexa época.


10 novembro 2020
O Grove

No complexo momento actual que se está vivindo debateuse moito sobre a viabilidade de investir ou non no alumeamento do Nadal para as rúas do Grove. Tradicionalmente o Concello contribuía coa Asociación de Comercio Local achegando unha parte do custo desta iluminación, pero este ano resulta claro que o comercio local debe  ser precisamente o que reciba un maior apoio. Deste xeito, finalmente o Concello farase cargo da totalidade do custo do alumeamento e manteno pensando sobre todo nos máis pequenos da localidade, que están sufrindo unha situación complexa e dura e que precisan de referencias e elementos que contribúan ao mantemento da súa ilusión e ledicia.

O Concello realizou, polo tanto, unha negociación ampla para xestionar a iluminación, e conseguiu manter o orzamento previsto (15.000 euros), pero engadindo novos elementos, como a colocación de iluminación de 12 metros de alto na rotonda de Ardia e na de San Vicente. Tamén se colocará unha árbore de Nadal na Praza de Arriba e, como vén sendo habitual, tentarase chegar aos máximos lugares posibles, sendo conscientes de que non é posible cubrir a totalidade da nosa vila.

Os traballos de instalación prolongaranse inda nas vindeiras semanas agardando que a inauguración poida realizarse o 5 de decembro, coincidindo coa previsión de que finalice o peche perimetral o día 4 e tamén coa ponte de decembro, esperando que non só se celebre o comezo do Nadal, senón a volta á normalidade e a reapertura da hostalería local.