Noticias

O Concello do Grove comeza coa inscrición dos comercios na plataforma de marketplace "Merca no Grove"

Os comercios interesados en participar nesta actividade, integramente sufragada polo Concello, poderán inscribirse a través dun cuestionario


16 xuño 2020
O Grove
Concello do Grove

O Concello do Grove segue avanzando no Plan de Recuperación do Comercio Local tras a crise da Covid-19 poñendo en marcha un mercado dixital de venda en liña para todos os comercios do Grove. A plataforma denomínase "Merca no Grove" e estará operativa nos vindeiros meses. Logo da formación inicial, o seguinte paso é que os comercios interesados en participar se inscriban para configurar o seu espazo na plataforma, para o cal contan cun formulario de inscrición na páxina web e nas redes sociais do Concello. O proxecto está integramente sufragado polo Concello coa finalidade de buscar un punto de encontro do comercio local engadindo un novo servizo para as persoas usuarias.

Tras a crise vivida nos pasados meses, resulta importante que todos os comercios e vendedores ou vendedoras locais dispoñan das oportunidades que achegan os medios dixitais e o Concello do Grove puxo en marcha un plan de recuperación no que, entre outras medidas, se propón a realización deste marketplace. Este espazo supón un elemento máis para mellorar as posibilidades comerciais dos establecementos do Grove. Debe terse en conta que o plan para a súa implantación supón formación para o uso da plataforma e contará coa correspondente campaña de comunicación con especial incidencia no período de verán.