Noticias

O Concello do Grove completa o pintado das rúas peonís para incidir no control de acceso de vehículos

Como xa se indicou nas pasadas semanas, a Policía Local intensifica os controis nestas zonas


30 xullo 2020
O Grove
Pintado da rua peonil

Tal e como se informou nas pasadas semanas, o Concello do Grove quere controlar adecuadamente as rúas peonís evitando o mal uso que os vehículos estaban facendo delas. Deste xeito téñense intensificado os controis policiais, dando lugar a numerosas sancións e apercibimentos, ao tempo que se puxeron en marcha outras medidas para sinalar de forma inda máis clara estas zonas. Así, hoxe mesmo rematouse o pintado de sinais indicativos de "zona peonil" de gran tamaño no acceso ás rúas Luis Seoane e Jaime Solá —precisamente as dúas con maior incidencia— para evitar que se produzan confusións.

Con esta sinalización, clara e visible, lémbrase que o acceso ás rúas peonís con vehículo está limitado aos usuarios de garaxes e residentes, e que se poderán realizar tarefas de carga e descarga no horario permitido e só para vehículos debidamente acreditados. A prioridade dos peóns e a velocidade dos vehículos non pode superar en ningún caso os 10 quilómetros por hora. Trátase, por tanto, de garantir que as persoas poidan circular de xeito cómodo e seguro e que estes espazos se convertan en zonas comerciais dinámicas e activas.