Noticias

O Concello do Grove consegue un período medio de pago de 17 días no primeiro trimestre de 2020

Sitúase así como un dos concellos con menor demora nos pagamentos a provedores, moi por debaixo dos 35 días de media establecidos en Galicia


16 xuño 2020
O Grove
Concello do Grove

O Concello do Grove presentou no mes de maio o seu "Edicto de morosidade e período de pago do primeiro trimestre de 2020". Trátase dunha medida fundamental para atender a lexislación actual no referido á xestión das administracións públicas e unha condición que todos os municipios deben cumprir dende abril de 2018, cando a normativa estableceu que o período medio máximo de pagamento de facturas é de 30 días reais dende que o albará entra no rexistro. Este requisito é fundamental para que as administracións poidan investir o seu superávit e, no lado contrario, o incumprimento deste período esixe que o Concello se someta a un plan de axuste, bloqueando os fondos estatais e imposibilitando a participación en subvencións e outras axudas.

Unha vez publicados os datos de todos os municipios, un total de 123 entidades de Galicia superaron eses 30 días para aboar os servizos prestados polos provedores, establecéndose a media autonómica en 35 días. Na provincia de Pontevedra, ata 22 dos 63 municipios tardaron máis de 30 días, chegando nalgúns casos ata os 445 días. No caso do Grove, e tal e como se recolle na documentación adxunta, o período medio de pago sitúase en 17,82 días, aboando un total de 1.455.245,04 euros, un dato que resulta moi positivo para o Concello do Grove.

Non podemos perder de vista que se trata dun trimestre especialmente complexo debido á incidencia da pandemia de Covid-19, na que os servizos administrativos municipais tiveron que realizar o seu traballo de xeito virtual. Por todo isto, dende o equipo de Goberno trasládase o agradecemento ao persoal que se ocupou de manter un bo ritmo nos pagamentos e nos trámites necesarios a pesar da complexidade da situación, conseguindo que O Grove cumpra con este requisito e poida seguir xestionando adecuadamente os recursos.