Noticias

O Concello do Grove dá un paso máis na mellora da xestión de residuos mediante una planta de compostaxe municipal

A Consellería de Medio Ambiente achegará máis de 37.000 euros a unha iniciativa para a recollida separada da fracción orgánica de produtos singulares para a compostaxe na planta municipal.


26 outubro 2020
O Grove

O proxecto presentado polo Concello do Grove recolle un novo modelo de recollida selectiva porta a porta da materia orgánica a produtores individuais do concello para o seu posterior tratamento na planta de compostaxe municipal que se construirá para tal efecto. Trátase dun paso máis no xa importante sistema de compostaxe co que conta o municipio e busca, ao mesmo tempo, adaptarse ao Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galicia na súa liña estratéxica 3: fomento da recollida selectiva da fracción orgánica. Este novo modelo supón unha grande vantaxe a nivel medioambiental, económica e social.

Dun xeito máis concreto, establecerase unha recollida porta a porta de residuos orgánicos mediante uns colectores de entre 240 e 300 litros, aproximadamente. Eses colectores estarán identificados con códigos QR para poder realizar un seguimento do proceso. Os produtores individuais poderán empregar cubos de entre 40 e 80 litros nas cociñas, por exemplo, de tal forma que poderán trasladar os residuos orgánicos de xeito máis sinxelo ao colector de maior tamaño. A recollida realizarse inicialmente tres días á semana (luns, mércores e venres), mais  poderá variar en función das necesidades puntuais. No momento da recollida, o persoal encargado desta tarefa intercambiará os colectores cheos por outros baleiros e limpos.

O traslado dos biorresiduos nos colectores ata a planta de compostaxe levarase a cabo mediante un camión con guindastre, establecéndose unha ruta que permita a máxima eficacia na súa recollida. A planta de compostaxe situarase nas inmediacións do Punto Limpo do Grove e disporá dunha zona pavimentada duns 1.250 metros cadrados na cal se establecerán tres zonas diferenciadas: descomposición do material (1.200 metros cadrados), unha segunda zona denominada "trincheira de maduración" e unha terceira de afino do material compostado, onde se separará o compost final do material recirculante.  As dúas últimas zonas ocuparán uns 320 metros cadrados. Tamén se terá en conta unha captación perimetral de augas residuais que bordeará toda a zona e todo o perímetro contará cunha zona arborizada.

As estimacións realizadas indican que este sistema permitirá realizar un tratamento de 660.000 quilos, dos que se obterán 140.000 quilos de compost, aproximadamente. A implantación deste sistema de recollida presenta innumerables vantaxes, pois permitirá separar materia orgánica e darlle a esta un tratamento máis respectuoso co medio a través da compostaxe e obterá un produto de gran calidade, moi útil para o seu uso en hortas e xardíns do municipio, co conseguinte aforro na compra de fertilizantes. A día de hoxe, o Concello do Grove paga 69,22 euros por tonelada de restos orgánicos que se envían a tratar á incineradora de Cerceda. A diminución deste gasto podería ser considerable e tamén se eliminaría o transporte destes residuos fóra do municipio (aforro en transporte).

O orzamento total deste iniciativa é de 47.208,15 euros, dos cales a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia achegará 37.294,44 euros en virtude da liña 2 (actuacións destinadas á prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos) do programa de Axudas en materia de residuos de competencia municipal cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. Isto implica que o Concello do Grove achegará o 21% restante do custo (9.913,71 euros). Ademais da implementación do sistema descrito, a axuda tamén contempla unha pequena contía para a realización dunha campaña de sensibilización con respecto a este novo sistema.