Noticias

O Concello do Grove estuda opcións para a conciliación familiar ante a imposibilidade de manter os habituais campamentos

As ludotecas de verán, tal e como se tiñan organizado ata agora, non son factibles garantindo as medidas de seguridade e hixiene requiridas


09 xuño 2020
O Grove
Concello do Grove

O Concello do Grove leva semanas estudando as posibilidades de organización dos campamentos de verán que, ano tras ano, se organizaban nos meses de xullo e agosto. Estas actividades acollían ata 100 rapaces e rapazas e organizábanse (en quendas de 15 días) nas instalacións dun dos colexios públicos da localidade. A normativa actual esixiría grupos súper reducidos, o emprego de máscaras e variar a programación de actividades evitando o contacto da rapazada. Todo isto resulta especialmente complexo nas condicións dos anos anteriores, polo que se decidiu cancelar esta posibilidade.

Porén, o Concello do Grove é consciente de que esta actividade era fundamental para contribuír á conciliación laboral das familias, polo que se está traballando para lle dar unha alternativa segura e eficaz ao programa de campamentos. Deste xeito, estanse considerando propostas que lles acheguen solucións concretas ás familias que realmente as precisen. Nos vindeiros días informarase dos programas que se poñan en marcha, sempre adaptados á normativa actual de seguridade e hixiene.