Noticias

O Concello do Grove pon en marcha actividades que favorezan a conciliación familiar

O Concello ofrece actividades, compatibles coa situación sanitaria, para favorecer a conciliación das familias con menores nados nos anos 2015 a 2017.


09 xuño 2021
O Grove

Desde a Concellería de Educación do Concello do Grove estase a traballar na programación de actividades que permitan a conciliación, tendo en conta a situación sanitaria.

Tal como se trasladou hai uns días, o Concello do Grove declina organizar o campamento de verán de Educación como se viña desenvolvendo en edicións anteriores a 2020, xa que as esixencias sanitarias son incompatibles coa realización desta actividade do xeito que se facía ata o de agora. Porén, sendo moi conscientes das necesidades de conciliación laboral e familiar que ten O Grove, pon en marcha o programa ConciliaGrove.

O programa ConciliaGrove vai ter lugar durante os meses de xullo e agosto, e vai dirixido a nenas e nenos nados entre 2015 e 2017 que estean empadroados no Concello do Grove, que os seus proxenitores ou titores sexan traballadores por conta propia ou allea e que xustifiquen a súa contratación nos meses de xullo e agosto.

As solicitudes de inscrición neste programa presentaranse do 10 ao 17 de xuño no segundo andar da Casa do Concello, e deberán acompañarse da seguinte documentación: solicitude cuberta, con foto do neno, e asinada polo pai, nai ou titor; fotocopia do DNI dos proxenitores do menor, ou titores legais; fotocopia do libro de familia (de todas as follas cubertas) ou fotocopia da documentación acreditativa de ser familia monoparental, de ser o caso; (para traballadores por conta allea) certificado da empresa na que traballa no que se acredite que está traballando en xullo e agosto, así como xornada de traballo; (para traballadores por conta propia) copia do último recibo do pagamento da cota á Seguridade Social ou da mutualidade que corresponda, así como unha declaración xurada de estar efectivamente traballando en xullo e agosto, e a xornada que realiza; fotocopia sanitaria ou seguro médico privado e declaración responsable de condición de saúde (Covid-19) cuberta e asinada.

A actividade desenvolverase de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 h. Debido ao cumprimento das normas sanitarias, faranse grupos reducidos, con escaso contacto entre eles, e será obrigatorio o uso de máscara, xel etc., e das demais normas sanitarias en vigor.

O custo desta actividade será de 128 €/mes por neno, e terán prioridade aquelas familias nas que traballen ambos os proxenitores en horario de mañá (ou o proxenitor, en caso de familias monoparentais) e precisen dous meses.

Con esta acción pretendemos darlles resposta ás necesidade de conciliación das familias do Grove e esperamos que as condicións sanitarias melloren para poder organizar  no verán de 2022 un campamento urbano como o coñeciamos en edicións anteriores.