Noticias

O Concello do Grove realiza o mantemento dos DESA

Os DESA volverán a estar dispoñibles nos postos de socorrismo das praias este verán


15 xuño 2020
O Grove
Concello do Grove

Seguindo co habitual control semestral do estado dos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) que realiza o grupo municipal de Emerxencias, e detectando que en varios deles caducou algún dos seus compoñentes durante o período de confinamento, o Concello adquiriu novos eléctrodos para manter en correcto uso os 13 aparellos cos que, na actualidade, conta O Grove. Debemos lembrar que seis destes desfibriladores son empregados durante o verán como equipos de cardioprotección dos socorristas nas praias. O Concello está preparando un sétimo DESA para así poder contar con un en cada un dos postos de socorrismo e outro na lancha de protección dos usuarios nas praias.

No mes de xaneiro realizouse un curso de reciclaxe do emprego dos desfibriladores e Soporte Vital Básico (SVB) para o persoal da Policía Local, traballadores do mercado municipal, mantedores das instalacións deportivas, adestradores e adestradoras dos clubs que empregan estas instalacións e profesorado dos colexios de ensino infantil e de educación primaria, formación que ten unha vixencia de dous anos. O obxectivo final segue a ser conseguir que O Grove sexa unha das vilas con maior nivel de cardioprotección de España.