Noticias

O Concello realizará a reparación da cuberta do Pavillón de Deportes Náuticos a través da axuda do Plan Concellos

Trátase dunhas das propostas incluídas na subvención de máis de 350.000 euros da Liña de investimentos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.


01 xullo 2020
O Grove
Cuberta piscina O Grove

Tal e como se ten informado, o Concello do Grove ten postos en marcha todos os procesos necesarios para realizar a asignación dos fondos da subvención do Plan Concellos para o ano 2020. No relativo aos investimentos, ademais da anualidade correspondente para o pago dos terreos do aparcadoiro de Entrehortas, o Concello solicitou un proxecto que ten como finalidade a reparación da cuberta e o selado da piscina do Pavillón de Deportes Náuticos, situado no peirao de Peralto.

Trátase dunha segunda fase de actuación, logo de que na pasada edición do Plan Concellos se arranxara o interior deste mesmo edificio, que sufría a deterioración de falta de mantemento durante moitos anos. Así, melloráranse problemas como o mal estado da fosa, que se atopaba en desuso, ou as humidades do lugar. Nesta segunda fase cambiarase a cuberta cun orzamento de máis de 60.000 euros. A solicitude xa está tramitada, inda que o prazo de presentación destas dentro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra remata o vindeiro 6 de xullo.