Noticias

Rematan os cursos de galego do Concello do Grove

As clases comezaron o pasado 19 de febreiro e serviron ademais para preparar as probas Celga deste mes de xuño.


12 xuño 2019
O Grove
Concello de O Grove

O vindeiro venres 14 de xuño chegarán ao seu fin os cursos de galego gratuítos convocados polo Concello do Grove e impartidos polo seu Servizo de Normalización Lingüística municipal desde o pasado mes de febreiro. Estes cursos, de 70 horas lectivas, foron distribuídas en dous grupos, dependendo do nivel e das capacidades lingüísticas do alumnado, con clases dunha hora e media de duración cada grupo dous días á semana.

Aínda que o fin primordial desta actividade, que o concello meco leva xa varios anos organizando e impartindo, é realizar unha formación que lles permita ás persoas asistentes que así o desexen presentarse ás probas oficiais para obteren os Cerficados de lingua galega (Celga), tamén son aproveitados por quen tan só teña a inquedanza e as ganas de adquirir, aumentar ou mellorar os seus coñecementos sobre a cultura e o idioma propio do país, polo que nunha mesma clase adoitan coincidir tanto persoas galegas como de fóra de Galicia, o que sen dúbida lles dá ás clases un ambiente de interculturalidade e diversidade sempre enriquecedor e ameno.

Grazas á impartición destes cursos, o Concello do Grove vaise consolidando ano tras como un referente comarcal no ensino da lingua galega para persoas adultas, pois ás clases acoden cada vez máis persoas procedentes doutros concellos veciños.