Noticias

O I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Río Miño sitúa ao río transfronteirizo como o centro do eixo Vigo-Porto

"Contar coa marca Rio Minho permítenos ter unha oferta moito máis completa e transfronteiriza que nos fai máis fortes e competentes", afirmou Uxío Benítez


17 outubro 2019
I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía Río Miño

O I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Río Miño botou a andar hoxe na Guarda co I Congreso Turístico do Rio Minho, xornada dedicada a profesionais tanto do sector privado como da administración. A apertura correu a cargo do director do AECT Rio Minho e deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza e impulsor da Marca Rio Minho, Uxío Benítez.

Benítez sinalou a "situación xeoestratéxica excepcional deste territorio" emprazado no eixo Vigo-Porto, no que ademais podemos atopar "unha importante actividade socioeconómica". O deputado insistiu "na idea fundamental de entender este territorio galego-portugués como un espazo único, e ao río Miño como o seu centro". "Contar coa marca Rio Minho permítenos ter unha oferta moito máis completa e transfronteiriza que nos fai máis fortes e competentes", engadiu o director do AECT Rio Minho.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, felicitou o AECT Rio Minho polo traballo levado a cabo e os proxectos que se están desenvolvendo no territorio e salientou que o territorio transfronteirizo do río Miño ten "todos os ingredientes para que haxa un gran proxecto e un produto de turismo sostible". Ademais, sinalou que o Encontro que ten lugar na Guarda "marca o inicio de algo grande, de ser capaces de construír algo que permita que crezamos xuntos, un proxecto para o futuro da xente do territorio".

Tamén participaron na presentación do congreso turístico o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita Urgoiti; o director do Centro de Estudios Euro Rexionais, Valerià Paül; a directora operacional de Turismo Porto e Norte de Portugal, Susana Riveiro e o presidente da Câmara Municipal de Caminha, Miguel Alves.

Con preto de 80 persoas asistentes, superando todas as expectativas, a sesión da mañá estivo dedicada á creación de marcas turísticas e a mercadotecnia dixital e continuou cunha mesa redonda sobre diferentes experiencias europeas de turismo transfronteirizo. Así, abordáronse os casos de Barakaldo, en Euskadi, diferentes casos europeos e o da propia marca Rio Minho, que correu a cargo do director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez.  

O cátering correu de man da escola de hostelaría do CIFP Manuel Antonio de Vigo, con produtos locais "km cero" e obxectos de menaxe sustentables e reciclables, que foi acompañado por viños da a adega Terras Gauda.

Xa pola tarde, o I Congreso Turístico do Rio Minho continuou cunha formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.

Xornada Gastronómica en Caminha

Mañá venres terán lugar en Caminha as I Xornadas Gastronómicas do Rio Minho, que tamén se dividen en dúas sesións. A da mañá, dirixida exclusivamente a profesionais do sector da hostalería, reunirá a expertas e expertos en gastronomía que debaterán sobre as relacións entre restauración e turismo. A sesión da tarde, aberta ao público en xeral, combinará presentación de produtos, charlas e catas.

O proxecto Visit Rio Minho está confinanciado nun 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco da convocatoria de axudas do Programa de Cooperación Territorial Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. 

Fotos