Noticias

O II Ciclo Aida Fernández Ríos continúa este xoves con dúas conferencias que versarán sobre as pandemias silenciosas

Esta segunda xornada contará con Bruno González, catedrático en Microbioloxía, e Carlos Diéguez, catedrático en Fisioloxía


04 maio 2021

A resistencia aos antibióticos e a obesidade como pandemias silenciosas serán os eixes temáticos escollidos para protagonizar a segunda xornada do Ciclo Aida Fernández Ríos que continúa a súa andaina este xoves 6 de maio. A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias están a impulsar con esta iniciativa dez relatorios que terán lugar ata o mes de xullo, en formato webinario ou semipresencial, para achegar á cidadanía a importancia da ciencia. Ademais, a partir de setembro espallarán esta disciplina nos centros educativos con cinco charlas pensadas para a mocidade.

Esta segunda xornada do ciclo estará centrada nas pandemias silenciosas e desenvolverase, ás 19 horas, de maneira telemática. Bruno González, catedrático de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense, tratará na primeira charla a "Resistencia a antibióticos: a pandemia silenciosa". A continuación terá a quenda de palabra Carlos Diéguez, catedrático de Fisioloxía do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC, quen impartirá unha conferencia titulada "É a obesidade a pandemia con maior mortalidade?".

As conferencias continuarán o xoves 27 de maio con dúas intervencións sobre os impactos económicos do cambio climático e da saúde. Esta xornada terá carácter semipresencial e levarase a cabo na sede que a Deputación ten en Vigo. Todas aquelas persoas que desexen asistir a estas charlas tan só teñen que encher unha solicitude de inscrición no sitio web da Deputación de Pontevedra