Noticias

O II Fórum do Río Miño Transfronteirizo celébrase este xoves en Tomiño para ultimar a ‘Estratexia Río Miño 2030'

No encontro debateranse as últimas aportacións que se incluirán no documento final, pondo fin ao proceso de participación cidadá


27 novembro 2018
Cartel II Fórum do Río Miño Transfronteirizo

Tras preto dun ano de traballo, o proceso de elaboración da `Estratexia Río Miño Transfronteirizo 2030' concluirá este xoves 29, no Auditorio Goián (Tomiño), durante a celebración do II Fórum do Río Miño Transfronteirizo. Este segundo encontro volverá a reunir, neste caso en territorio galego, aos axentes económicos, sociais e políticos do territorio para ultimar e debater o documento – guía que marcará a estratexia de cooperación nesta área xeográfica para a próxima década.

A importancia deste traballo reside tanto na súa concepción innovadora, posto que se trata por primeira vez dun estudo que abrangue ás dúas marxes do río, como por estar construída desde a base, a través de numerosos mecanismos de participación cidadá postos en marcha desde finais de 2017.

O Fórum comezará ás 10:30 h, coa recepción das e dos participantes, e incluirá dúas mesas de traballo nas que as e os asistentes poderán coñecer de primeira man as conclusións do estudo realizado ata a data, así como contribuír con novas aportacións. O Fórum rematará ás 14:30 h coa celebración dun brunch/networking con todas as e os participantes. As inscricións son de balde e tramítanse cubrindo un formulario na web www.smartminho.eu.

A Estratexia de Cooperación Intelixente do río Miño Transfronteirizo enmárcase dentro do proxecto Smart Minho a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2014-2020 (INTERREG V-A) e está co financiado ao 75 % por fondos FEDER, cun orzamento total de 942.022,47 euros.

Programa


Novas relacionadas