Noticias

O IV Certame de Relato Curto da FANPA busca os grandes escritores e escritoras en lingua galega do futuro

Poderá participar todo o alumnado, os seus familiares e o profesorado dos centros públicos de ensino de toda a provincia


13 xan 2016
relato

O deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou esta mañá o IV Certame de Relato Curto organizado pola FANPA de centros públicos de Pontevedra, do que destacou "o seu valor para dinamizar o uso da lingua entre os centros educativos de toda a provincia e promover a capacidade do alumnado para escribir e dar a coñecer as súas historias". Xosé Leal estivo acompañado na presentación polo presidente da FANPA, Rogelio Carballo, a concelleira de Educación de Pontevedra, Carme Fouces, e o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros.

O departamento de Cultura da Deputación de Pontevedra colabora coa edición deste certame a través da impresión de 100.000 marcapáxinas destinados a difundir a iniciativa entre a comunidade educativa, xa que, segundo datos da propia FANPA, o alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e outros ciclos non universitarios ascende a algo máis de 80.000 alumnos e alumnas. Xosé Leal, ademais, asegurou que "sempre estamos abertos a colaborar con este tipo de ideas, posto que contribúen a fomentar a lingua desde idades temperás", ao tempo que fixo fincapé na necesidade de "apoiar este tipo de iniciativas para que sigan madurando e vaian collendo cada vez máis relevancia ano a ano".

O presidente da FANPA, Rogelio Carballo, agradeceu a colaboración do departamento provincial de Cultura e asegurou que " antes non tiñamos tanta capacidade de difusión e os marcapáxinas vannos permitir chegar á práctica totalidade dos centros". Rogelio Carballo anunciou que "este ano, por primeira vez, e atendendo ás solicitudes realizadas polo profesorado, abrirase o certame ao propio profesorado e aos familiares do alumnado, polo que esperamos recibir relatos moi interesantes nesa categoría".

Para facer posible este certame tamén colabora o Concello de Pontevedra, que asume a dotación dos premios do certame con catro vales de 200 euros cada un, e a editorial Kalandraka, que se encarga da publicación dos catro relatos gañadores e os finalistas. Tanto o presidente da FANPA coma o director de Kalandraka e a concelleira de Educación de Pontevedra incidiron na importancia de promover este tipo de certames, co obxecto de dinamizar as inquedanzas do alumnado sobre a escrita. Neste sentido, Carme Fouces afirmou que "o certame pode ser a cerna dos grandes escritores e escritoras en lingua galega do futuro", mentres que Xosé Ballesteros lembrou que "Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil, tivo as súas primeiras experiencias en concursos escolares".

Precisamente será a escritora Ledicia Costas a encargada de prologar o libro que Kalandraka editará cos relatos finalistas, que o ano pasado chegaron a 100, pero que nesta edición, ao ampliar a participación a familiares e profesorado, poderán ascender a 120 relatos. Ademais, todos os relatos gañadores e finalistas serán publicados no Diario de Pontevedra.

Bases, prazos e premios

Poderán presentarse todos os alumnos e as alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, así como o profesorado e familiares que convivan con eles. Cada persoa poderá presentar un relato inédito que conteña entre 200 e 300 palabras e que deberá enviar por correo electrónico a certame.relatocurto@nontedurmas.org antes do 29 de febreiro.

Establécense catro categorías (Primaria, Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, e Adultos) e un premio de 200 euros para cada unha delas, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada pola ilustradora Belén Padrón. Ademais, todas as persoas gañadoras e finalistas recibirán un libro colectivo cos seus relatos, que incluirá unha historia elaborada expresamente para o certame pola escritora Ledicia Costas.

O xurado estará formado por filólogos, escritores, profesores e representantes de Kalandraka Editora. A decisión do xurado darase a coñecer no mes de maio de 2016.

As bases poden consultarse na seguinte ligazón: www.nontedurmas.org


Novas relacionadas

Certame relato curto

18 xaneiro 2018, pontevedra, vigo, certame, campus, fanpa, relato curto