Noticias

O Marisquiño revalida a súa aposta pola igualdade e a sustentabilidade cos postos informativos da Deputación de Pontevedra

A campaña provincial para previr violacións en cita e agresións sexuais por submisión química e o posto de "Experiencias SOStibles" de loita contra os plásticos estarán desde este venres no recinto do festival


08 agosto 2019
Campaña de igualdade

O Marisquiño, o maior evento de cultura urbana e deportes do sur de Europa, toma esta fin de semana o relevo dos Festivais Rías Baixas cun amplo programa de actividades que se desenvolverán do 9 ao 11 de agosto en Vigo. A Deputación de Pontevedra volve estar presente neste festival a través das campañas de igualdade #LembraEuDecidoTiRespectas e #ContaComigoEuRespéctote para previr agresións sexuais e da campaña de sustentabilidade "Experiencias SOStibles", que está a concienciar este verán na loita contra os plásticos. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, acudirá ao festival nestas tres xornadas e visitará os postos de información de ambas as iniciativas.

No caso da campaña de igualdade, a institución provincial instalará un punto de información desde este venres no que cinco axentes de igualdade entregarán os folletos da campaña, dirixida a previr violacións en cita e agresións sexuais por submisión química. #LembraEuDecidoTiRespectas vai dirixida tanto a mozas coma a mozos, con materiais nos que se ofrece unha actuación integral de prevención e actuación contra os devanditos tipos de agresión sexual e nos que se amosan con claridade os límites nas relacións entre adolescentes, facendo fincapé en que estas agresións son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Outros materiais (sombreiros, tarxetas, adhesivos e pulseiras) complementan a campaña e, como novidade, este ano tamén se repartirán guías en castelán, recollendo así as suxestións do público da pasada edición que proviña doutras comunidades autónomas.

Hai que lembrar ademais que o cartel deste ano do Marisquiño, inspirado na cartelería rusa dos anos 40 e que representa a unha muller skater, forma parte das accións da Deputación de Pontevedra para a promoción da igualdade no festival.

No Marisquiño do pasado ano 2.500 persoas pasaron polo posto de igualdade da Deputación, do total de 8.000 que foron atendidas no marco desta campaña nos sete festivais de verán da provincia de Pontevedra. Nesa pasada edición deuse un paso máis cara á implicación dos mozos na campaña baixo o lema "Conta comigo, eu respéctote", co que se pretende que eles amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores.

Por outra banda, a Deputación tamén volve levar ao Marisquiño a súa campaña "Experiencias SOStibles", que esta vez está a concienciar na loita contra os plásticos e os seus efectos no medio ambiente e na saúde das persoas, e que sucede á desenvolvida o pasado ano, "Somos historias. Somos sostibles", na que se repartiron 2.5o0 ecocabichas. O punto de información da campaña estará instalado o sábado, día 9, desde as 17 ata as 22 horas.

O Marisquiño converte cada ano a Vigo en referente mundial da cultura urbana e o deporte. Nesta vindeira edición disputaranse ata tres copas mundiais: a World Cup Skateboarding Street, a World Cup Skateboarding Miniramp e o Dirt FMB World Tour, todas elas puntuables en clasificacións internacionais nun deporte que será olímpico no 2020 e nas que se darán cita as e os mellores riders nacionais e internacionais. Ademais, o ano pasado sumouse unha nova disciplina deportiva, o basket 3x3 da FIBA, e este ano incorpóranse o fútbol freestyle e o big jump. Nelas participarán deportistas de máis de 30 nacionalidades. No apartado musical, o festival contará coas actuacións de Nahno Selectah, High Paw, Yawners, Kaixo, Awwz, Fusa Nocta, Eric Bobo, Jota Mayúscula, Skank-Fu Hi-Fi Sound System, Ramiroquai DJ, Fran Laoren, Kyotto, Mery Oaks, Niña Coyote, Biznaga, Eme DJ, Judah GT, DL Blando e Grovas, entre outras apostas. Tamén haberá un Village Market no que se presentarán proxectos relacionados coa cultura urbana e o deporte, así como catro zonas gastronómicas, con food trucks e degustacións.