O Mosteiro de Oia escenario do penúltimo concerto do programa da Deputación “Música no Ar”

A soprano Teresa Novoa e o pianista Carlos E. Pérez actuarán o próximo sábado ás 19.00h

13/09/2022

Carlos e Teresa  

O Mosteiro de Oia acollerá o vindeiro sábado 17 de setembro, ás 19.00 horas, unha nova sesión do programa "Música no Ar" que a Deputación ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia. As persoas interesadas en acudir a esta cita poderán asistir sen reserva, xa que a entrada é libre ata completar aforo.

O recital estará protagonizado pola soprano pontareana, Teresa Novoa, con estudos superiores en canto en Galicia e Madrid, e que actuou en espazos importantes do territorio nacional e no estranxeiro; e o pianista vigués, Calos Enrique Pérez, que cursou estudos de piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo e actualmente é repertorista de voz con piano nese mesmo centro. O repertorio do concerto abrangue dende o Barroco ata o contemporáneo, pasando por distintos estilos como: a canción española, a francesa, o "lied" ou o oratorio.

"Música no Ar", enmarcado no amplo programa da Deputación, "Con-Fiando Cultura" ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade.