Noticias

O mundo local pide paso para ter presenza na toma de decisións no proceso de saída da crise

A coordinación entre administracións foi a principal reivindicación compartida na reunión da presidenta da Deputación cos concellos intermedios da provincia


06 maio 2020
Concellos coa presidenta da Deputación

Instar a todas as administracións competentes para que as entidades locais teñan presenza e sexan tidas en conta no proceso de desescalada e de saída da crise sanitaria foi hoxe a reivindicación principal que compartiron a Deputación de Pontevedra e os sete concellos da provincia de entre 20.000 e 50.000 habitantes. O encontro telemático que mantivo a presidenta Carmela Silva coas alcaldesas e alcaldes de Vilagarcía de Arousa, Redondela, Ponteareas, Cangas, Lalín, Marín e A Estrada desenvolveuse nun clima de cordialidade, lealdade e vocación de acordos e concluíu coa vontade de traballar de xeito conxunto e de establecer consensos para delimitar liñas claras de actuación dos entes locais.

"Estamos nun momento no que hai que conseguir respostas unánimes e acordadas para darlle saídas claras á cidadanía", dixo a presidenta provincial, que agradeceu o esforzo dos concellos por asumir competencias non propias deles para darlles solucións ás necesidades urxentes da súa veciñanza. Silva mostrou o seu compromiso de trasladarlles ao Estado e á Xunta de Galicia a esixencia de que se conte co mundo local, "que está a demostrar que é o que mellor sabe traballar na proximidade, e iso nos enche de razóns para que entendan que necesitamos recursos". Do mesmo xeito, explicou que "moitas decisións teñen que ser cautelosas porque aínda non coñecemos o escenario das axudas que deben chegar da Unión Europea, do Estado e da Xunta de Galicia".

De feito, a coordinación entre todas as administracións e a definición dun marco de actuación con liñas claras do que poden facer os concellos foi unha reivindicación común das sete alcaldesas e alcaldes, unha ferramenta fundamental que compartiu a presidenta "para ter seguridade e non entrar nunha tolería que fai que todas e todos tentemos facer o mesmo de xeito ineficaz. Debemos ter un plan coordinado para que cada administración faga o seu e que as accións das demais sexan complementarias". Nesa liña, Carmela Silva ofreceu a posta en marcha "deste plan de acción local, consensuado con todos os concellos de menos de 50.000 habitantes, co que adquiramos o compromiso de funcionar con ese modelo".

A presidenta provincial, que apelou á flexibilidade, á cautela, á prudencia, á valentía e á solidariedade "como as claves para tomar decisións serias e rigorosas", confirmou que a institución está a avanzar na modificación do Plan Concellos para que se poida destinar unha porcentaxe da Liña 1 de Investimentos tanto á Liña 2 coma á Liña 3 de Emprego, así como a outras urxencias que teñan os municipios sempre que estean dentro das súas competencias. Esta modificación, que se levaría a aprobación no pleno de maio, levaría engadida a ampliación dos prazos e que os concellos puidesen modificar peticións de obras xa realizadas. Segundo explicou, tamén se está a estudar abrir unha vía de modificación do orzamento, xa que se están a avaliar todos os programas da Deputación que, polas súas características, supoñan afluencia de persoas e de relacións interpersoais "a fin de tomar decisións prudentes sobre a conveniencia da súa organización e do posible destino deses recursos aos concellos da provincia".

No encontro, a presidenta da Deputación comprometeuse coas alcaldes e alcaldes dos sete concellos a axilizar todo na medida do que o permitan os procedementos; recolleu as propostas feitas polos concellos, coma unha maior aposta polo mundo rural, "que agora recobra unha forza extraordinaria", e comprometeuse a trasladarlles aos concellos iniciativas de asesoramento técnico que axuden a darlles resposta a moitas demandas da cidadanía e do tecido socioeconómico dos municipios. Do mesmo xeito, explicou que seguirá insistindo ante a Xunta para "que sente tamén as entidades locais nunha mesa para a reconstrución de Galicia e para poñer en marcha un plan de desinfección que será obrigatorio a corto, medio e longo prazo".

Pola súa banda, as alcaldesas e alcaldes expresaron as súas demandas, como ter instrucións claras das administracións para saber como actuar; unha maior flexibilidade na Lei de contratación ou na Lei reguladora de facendas locais; que se permita a utilización dos superávit e os remanentes como está pedindo a FEMP; dispoñer de asesoramento para facer a desescalada; que a Consellería de Sanidade lles faga chegar os datos sanitarios dos seus concellos e ter procedementos menos ríxidos, máis rápidos e máis claros.

Carmela Silva tamén detallou a situación das axudas, as medidas e os programas que a Deputación activou por mor da crise, facendo especial fincapé no turismo e nos sectores produtivos. Confirmou que a Deputación xa ten o primeiro avance de datos do estudo de impacto da COVID no turismo, que será a folla de ruta para o plan de reactivación. De igual forma, xa se lles puxo data ás reunións cos concellos con festas de interese turístico e con aqueles que son emprazamentos dos festivais de cine e dos Rías Baixas Fest. Tamén se falou de promoción económica na provincia coas dúas novas iniciativas que xa están en marcha: a campaña de apoio ao consumo de produtos de proximidade e a campaña orientada á dinamización do comercio local, diferenciada por comarcas, que comezará a próxima semana. A presidenta tamén puxo en valor a excelente resposta a todas as medidas implementadas cara aos sectores produtivos, coma a axilización de pagamentos para inxectar liquidez e as actuacións de SmartPeme con plans de continxencia destinados a persoas autónomas, persoas emprendedoras e pemes. Ademais, nos próximos días activarase un novo programa de asesoramento personalizado ás empresas co fin de facilitarlles o proceso de acceso a axudas, ERTE e ferramentas activadas no Estado.