Noticias

O mural da artista Doa Oa reivindica en Tomiño un mundo igualitario a través da natureza

A deputada Montse Magallanes, xunto á alcaldesa Sandra González, asistiu a acción que "busca remover conciencias para poder rematar coas violencias machistas"


14 maio 2019

A deputada provincial Montse Magallanes, acompañada da alcaldesa Sandra González, asistiu hoxe no Campo de Fútbol Municipal do Alivio, en Tomiño, a unha nova acción do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero" de loita contra as violencias machistas. A encargada de visibilizala, esta vez ao través da pintura, foi a artista Doa Oa.

Oa elaborou un mural co que reivindicou a creación dun mundo máis xusto e igualitario a través da natureza. Esta intervención artística, titulada Reforestando, empregou como eixo central o poder natural das plantas e a súa relación coas e cos habitantes do seu entorno e que tivo as plantas "Ruda" e "Belladonna" como protagonistas. A artista explicou que "con este mural pretendo por en valor o papel das mulleres coa natureza así como a transmisión da sabedoría popular". O debuxo acompañouno da frase "As menciñeiras escoitan a vida. Xuntas sandamos".

Tanto Montse Magallanes como Sandra González coincidiron en sinalar "a importancia de programas coma "Violencia zero", que permítenos remover conciencias e así traballar para rematar coa lacra das violencias contra as mulleres". A alcaldesa de Tomiño tamén quixo dar as grazas "á Deputación por ter ideado este programa que hoxe temos o pracer de acoller".

Este ano 2019 "Mulleres en acción. Violencia zero" volve reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e terá lugar en 25 concellos (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).