O Museo acolle mañá un debate sobre a situación da muller no mundo das artes: ‘Aínda queda moito ferro!’

As creadoras  Sara Sánchez, Soledad Peralta e Basilisa Fiestras conversarán baixo a moderación de Carme Hermo sobre o papel do feminino na arte e como afrontala de maneira inclusiva

09/03/2022

Representación da peza de narración oral ‘Carabranca’ no Museo de Pontevedra  

É coñecido que o escritor humanista Bocaccio asegurou que “a arte é allea ao espírito das mulleres”. O Museo de Pontevedra vai poñer o seu grao de area para desmentir as súas palabras e dentro da súa programación vencellada ao 8M acollerá mañá xoves un debate sobre a situación da muller no mundo das artes baixo o título ‘Aínda queda moito ferro!’. A conversa pretende ser un convite á reflexión dende unha perspectiva feminina para poñer de relevo que a pesares de que as novas promocións de artistas son maioritariamente femininas aínda hai pouca visibilidade e recoñecemento nas grandes citas e espazos de arte.

A conversa contará coas creadoras Sara Sánchez, Soledad Peralta e Basilisa Fiestras que, baixo a moderación da tamén artista Carme Hermo, intercambiarán opinións sobre o papel do feminino na arte e como se debe afrontar esta dunha maneira inclusiva. Sobre a mesa estará a histórica visión androcentrista da arte e como os museos e salas aínda a día de hoxe dispoñen de poucas pezas realizadas e asinadas por mulleres a pesares de seren modelos e musas de boa parte das pezas que colgan nas paredes.

Sara Sánchez achegará ao debate a visión máis nova sobre a realidade actual e futura das artistas. Ela mesma defínese como “un proxecto de artista polímata que abarca áreas como a pintura, vídeo, escultura, fotografía e ilustración”. A súa perspectiva confluirá coa de Basilisa Fiestras (artista forcaricense cunha importante traxectoria, doutora en Belas Artes, investigadora, docente e máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea pola UVigo), e a de Soledade Peralta (escultora galega e académica numeraria da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de escultura), e tamén a de Carme Hermo (creadora, docente e tamén investigadora, cunha traxectoria de máis dun cento de exposicións individuais e colectivas ás súas costas).

O coloquio será mañá xoves ás sete da tarde no Edificio Castelao, con entrada libre ata completar capacidade. Tamén mañá realizarase un novo pase das visitas guiadas pola colección das creadoras mulleres que hai nos fondos propios do Museo de Pontevedra, ás seis da tarde, cita que se repetirá diariamente ata o vindeiro venres 11.

Na xornada de hoxe, ademais do itinerario polas ‘Artistas visibles’ do Museo tamén tivo lugar a representación da peza de narración infantil ‘Carabranca’, que contou coa participación de máis de 250 escolares de 1º e 2º de Educación Primaria dos centros de ensino de Pontevedra. A peza, interpretada pola actriz Iria Pinheiro, faloulles ás crianzas de igualdade a través da historia dunha nena pirata que logra todo o que se propón. Na tarde de hoxe tamén se desenvolverá no Museo o curso de arte de Carolina Munáiz ‘Aventaxado feminino. Creadoras do século XX’ que ten todas as súas prazas esgotadas.

A programación do 8M no Museo pecharase o venres ás 19 horas coa representación de ‘Matrioskas’, teatro para adultos con Marta Ortiz e Sofía Espiñeira, “dúas mulleres cantando e contando sobre mulleres. Todas feitas da mesma madeira. Todas vestidas de cores. Todas elas, grandes e pequenas, con historias para contar e cos desexos agochados no ventre”, segundo explica a sinopse da peza da compañía ‘Charlatana’. É precisa inscrición previa en reservas.museo@depo.gal.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.