Noticias

O Museo acollerá a IV Xornada de Onomástica Galega, este ano dedicada aos nomes das rúas

O encontro, organizado pola Real Academia Galega, celebrarase o 19 de outubro contando con 14 especialistas


02 outubro 2019
Museo Xornada Onomástica

O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro 19 de outubro a IV Xornada de Onomástica Galega, este ano dedicado aos nomes das rúas. A principal novidade do encontro, segundo se deu a coñecer esta mañá na presentación do evento, será unha proposta de modelo para as novas denominacións do rueiro, baseada na premisa de recorrer primeiro a formas tradicionais previas en lugar de a fórmulas conmemorativas.

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, amosouse agradecido de que a Real Academia Galega escollese ao Museo para acoller de novo estas xornadas, que son xa as cuartas sobre esta temática. "A onomástica é un aspecto verdadeiramente importante no coñecemento e no estudo e transformación sociais ao longo do tempo. As xornadas contarán cunha presenza importante de catorce especialistas, e son outro elemento máis de cooperación coa RAG, que xa conta cunha longa tradición en Pontevedra", indicou Rey.

Pola súa banda, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes agradeceu a colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra na organización dunhas xornadas que desde hai catro anos converten Pontevedra na "capital dos estudos onomásticos". A cidade, dixo, é un "territorio especial" na historia das actividades da Real Academia Galega, unha condición que continúa a través de iniciativas como estes encontros do Seminario de Onomástica da institución.

En canto á temática deste ano, Freixanes explicou que o estudo dos nomes das vías de comunicación, a chamada hodonimia urbana, é foco de interese non só para a onomástica senón tamén para disciplinas tan variadas coma a sociolingüística, a xeografía da memoria e a xeografía da paisaxe, entre outras, que ven nela un retrato das sociedades a través dos nomes cos que foron bautizando os núcleos máis grandes de cohabitación. A IV Xornada de Onomástica Galega centrarase así no estudo dos nomes das rúas desde varias perspectivas de interese que van desde a análise das denominacións históricas e a recuperación da microtoponimia tradicional para as novas designacións, a algunhas das posibilidades didácticas que ofrece esta parte da onomástica.

Tamén se reflexionará sobre a toponimia conmemorativa, isto é, como se impoñen os nomes e a intencionalidade desta imposición. De feito, no antigo mundo urbano a toponimia das rúas tiña un papel utilitario para a sociedade ao describir o territorio e configuraba unha cartografía mental para os seus habitantes (nomes de rúas con referencias aos oficios que acollían, por exemplo). Porén, na actualidade a toponimia das vilas e cidades xa non é de creación colectiva, senón que adquire un carácter simbólico que, alertan as e os especialistas, se basea nunha visión parcial da historia dos que gobernan en cada momento.

"Antigamente os nomes transmitíanse durante xeracións; agora as novas denominacións urbanas son cambiantes e, no noso caso, sepultan frecuentemente topónimos tradicionais, que son reflexo da importante interacción que os galegos tivemos coa terra", afonda Luz Méndez.

Na presentación das xornadas hoxe no Museo tamén se deu a coñecer o libro das actas da edición anterior, dedicada aos alcumes, con dez achegas arredor dos nomes que se lles dan coloquialmente ás persoas en lugar do seu propio.